Deputación de Pontevedra conmemora o 25N

Lectura dun manifesto a prol da igualdade

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra conmemorou este venres, nun acto previo á celebración do pleno, o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia sobre a Muller.

Unha iniciativa que consistiu nunha actuación musical a cargo da pianista Andrea González e que se completou coa lectura dun manifesto por parte da axente da Garda Civil, Irene García, coordinadora do Equipo Muller-Menor da unidade orgánica da Policía Xudicial da Comandancia de Pontevedra.

No seu discurso, a axente remarcou a necesidade de “sumar forzas desde todos os ámbitos” para conseguir canto antes “a erradicación da violencia contra as mulleres e acadar unha provincia que vaia a máis no que todos queremos: en igualdade”.

700.000€ para transformación dixital de 50 Concellos
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde á compra de equipamentos informáticos intelixentes para 50 concellos da provincia, coa finalidade de facilitar a mobilidade e a produtividade dos empregados públicos.

Cun orzamento total de 731.561 euros, supón o inicio da licitación da última das cinco liñas do proxecto de transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes, un programa financiado con 2,5 millóns de euros de fondos europeos.

Segundo o presidente da Deputación, Luis López, esta liña completa un proxecto “que nos vai permitir modernizar os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para que poidan garantir e prestar un servizo de maior calidade á cidadanía”.

Máis polo miúdo, 609.128 euros destinaranse á compra de 546 ordenadores portátiles estándar con capacidade para o desenvolvemento das tarefas ofimáticas máis habituais.

Ademais, outros 122.432 euros permitirán mercar 93 equipos avanzados, que teñen maiores capacidades para que persoal técnico poida desenvolver tarefas que requiran prestacións superiores. Todos eles repartiranse entre os 50 concellos da provincia que os solicitaron.