Deputación de Pontevedra achegará 50.000€ para melloras na EP-5002 A Cañiza-Mourentán

Por danos do temporal no muro de contención

A Cañiza | A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar o procedemento de contratación urxente da reparación do muro de contención da EP-5002 A Cañiza-Mourentán que se viu afectado polos temporais sucedidos durante as últimas semanas na provincia.

A institución provincial dedicará a estes traballos un investimento de 50.000 euros para dar solución ao derrubamento do noiro da plataforma.

A Deputación acometerá esta actuación á altura do PQ 6+000 da vía, onde foi preciso restrinxir a circulación rodado nun dos seus carrís. Os danos ocasionados polo temporal, debido ás choivas torrenciais que provocaron arrastres, están a provocar un grave risco de colapso da estrutura e o derrubamento da calzada.

A través destes traballos, que teñen unha duración estimada de dous meses, construirase un muro de sostemento e reporase o carril de circulación afectado.