Deputación de Pontevedra acada acreditación de calidade “Erasmus” para a Formación Profesional

Permitirá así avanzar no seu proxecto de mobilidade "Practicum Depo"

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra acaba de ser recoñecida cunha Acreditación Erasmus no ámbito da educación na Formación Profesional, que concede Erasmus+ da Unión Europea e que facilita ter acceso simplificado ás oportunidades de financiamento deste programa de mobilidade desde este ano e ata 2027, de xeito que permitirá á institución provincial seguir avanzando no seu proxecto “Practicum Depo” coa posibilidade de establecer unha estratexia propia a largo prazo.

A institución é unha das 370 entidades beneficiarias desta acreditación de alta calidade, á que se presentaron un total de 879 candidaturas, a maioría procedentes de España. E logrouna cunha alta puntuación de 83 puntos sobre un total de 100, converténdose nunha das 25 entidades locais públicas que a acadaron.

“A institución é unha das 370 entidades beneficiarias desta acreditación de alta calidade, á que se presentaron un total de 879 candidaturas, a maioría procedentes de España”

A acreditación confirma que o plan programado pola Deputación establece actividades de mobilidade de alta calidade para mellorar a oferta de educación e formación, xa que os distintos proxectos presentados foron avaliados en base a criterios de relevancia, obxectivos a acadar, actividades a desenvolver e á capacidade de xestión dos futuros proxectos.

O programa Practicum Depo da Deputación permite que graduadas e graduados en ciclos medios de Formación Profesional poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas para facilitar así a súa inserción profesional. Neste momento están en marcha as mobilidades do Practicum Depo 2019 e o 2020. No primeiro caso, a institución provincial aprobou o pasado mes de marzo novos recursos, de ata 90.332 euros, para desenvolver a sétima mobilidade, pola que 13 estudantes xa están completando a súa formación en Portugal, Italia e Malta.

“O programa Practicum Depo da Deputación permite que graduadas e graduados en ciclos medios de Formación Profesional poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas para facilitar así a súa inserción profesional”

Así, neste momento están a participar en Practicum Depo 2019 34 alumnas/os e docentes e está previsto que sexan 102 as persoas que completen a súa formación no estranxeiro, polo que haberá dúas novas saídas cara países da Unión Europea que comezarán en xuño e en setembro. E, no que atinxe ao Practicum Depo 2020, están a participar 10 persoas das 121 que o farán ata maio de 2022.

Dende a posta en marcha do programa Practicum Depo, no ano 2015, investíronse xa preto de cinco millóns de euros nesta iniciativa, dos cales o SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación) achega 4,18 millóns de euros e a Deputación máis de 820.000 euros. Ao longo destes anos 462 persoas, entre profesorado e alumnado, beneficiáronse deste programa.