Deputación de Ourense engade un millón de euros ao novo plan de financiamento

Acada os 17 millóns para o seu primeiro ano de vixencia

Ourense | Luís Menor Pérez, presidente da Deputación, propuxo un segundo aumento do novo modelo de financiamento en cooperación cos concellos, o Plan CooperOU, coa incorporación de un millón de euros máis ao orzamento. Deste modo, no primeiro ano de vixencia do programa alcanzaranse os 17 millóns de euros, cantidade inicialmente prevista para a segunda metade do mandato.

Menor formulou esta proposta durante a habitual reunión da xunta de portavoces, previa á celebración do pleno ordinario de mes que será o próximo venres, día 24, reunión na que o grupo socialista anunciou a súa abstención, facilitando en consecuencia a aprobación do plan e do proxecto de orzamentos xerais para 2024.

Logo das conversas mantidas nestes días cos portavoces dos grupos, Luís Menor acordou incrementar en 1 millón de euros a contía inicial do plan, que naceu cunha dotación de 14 millóns, pasou despois a 16 e agora a 17 millóns.

Un plan que “dará estabilidade e seguridade financeira a todos os concellos, que saberán con exactitude as cantidades que van percibir desde o 1 de xaneiro de 2024”, dixo o presidente congratulándose do acordo alcanzado esta mañá. “Un cambio radical no sistema de cooperación cos concellos e no que traballamos desde o primeiro momento, por iso este é un día moi importante”, dixo Luis Menor.

Este segundo aumento supón pasar de 7 a 8 millóns de euros a parte variable do novo modelo de financiamento da Deputación. O próximo ano alcanzaríanse os 17 millóns de euros fronte aos 14 millóns iniciais, xunto cun aumento de 1 millón de euros en 2025. O Plan CooperOU chegaría deste xeito á metade do mandato cunha partida de 18 millóns de euros, mantendo o compromiso dunha revisión á alza nas seguintes dúas anualidades.

Permanecen inalterables os criterios homoxéneos de repartición, cunha parte fixa segundo o número de habitantes de cada concello, e outra parte variable na que se aplicaría o incremento e que se distribúe en base á poboación (50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %). Cómpre lembrar tamén outras dúas claves do plan, como son a flexibilidade no destino dos recursos e a simplificación administrativa.

O novo aumento tamén se financiará con cargo á modificación de crédito prevista para o primeiro trimestre de 2024. Unha vez aplicado o novo cálculo, O Carballiño segue a ser o concello que percibirá a maior cantidade, máis de 442.300 euros.

A continuación figura Verín con case 423.000; O Barco de Valdeorras, con máis de 419.200; Barbadás con 361.300; ou Xinzo de Limia con algo máis de 348.000 euros. Beade segue a ser o concello con menor orzamento neste plan (algo máis de 110.100) e a entidade local menor de Berán case alcanza os 54.500 euros.