Deputación de Ourense e Renfe asinan un novo convenio

Para o Programa de Termalismo Social 2024 e 2025

Ourense | Deputación de Ourense e RENFE veñen de asinar en FITUR o convenio do Termalismo Social 2024. Trátase do primeiro convenio bianual, xa que desde que a institución provincial iniciou en 2014 a colaboración co ente ferroviario esta renovábase anualmente.

O acordo asinado estende a duración a 2024 e 2025 e foi suscrito polo presidente da Deputación, Luis Menor, e pola directora xeral de Innovación, Sostibilidade e Transformación Dixital de Renfe, Sonia Araujo.

Este convenio permite que o Programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense sexa o único en España que integra a opción de mobilidade en tren como un valor engadido para os seus beneficiarios. A chegada da alta velocidade ferroviaria a Ourense fai que o tren sexa un importante elemento de competitividade para o sector termal e para a provincia en xeral.

Luis Menor, manifestou trala sinatura que “grazas a Renfe e ao convenio que nos une podemos ofertar a posibilidade de que unha persoa que resida por exemplo en Madrid, solicite desde a súa casa, a calquera hora do día, sen papeis e sen desprazamentos, unha praza de estancia de 6 días nalgún dos balnearios da nosa provincia e que dispoña da posibilidade de engadir na mesma solicitude o desprazamento en tren de alta velocidade ata a capital provincial, onde lle estará esperando un autobús para levalo directamente ao balneario”.

Os beneficiarios deste programa de cooperación público-privada entre a administración provincial, os balnearios de Ourense e Renfe non se teñen que preocupar de nada máis que de escoller o establecemento termal ao que queren ir, as datas nas que o farán e a estación de tren desde a que queren partir, sen máis trámites que un procedemento electrónico ante a administración provincial a través de internet, que pode realizarse en menos de cinco minutos. Quince días antes da viaxe recibirán os billetes de tren na súa casa sen ningún trámite nin xestión.

Máis 20.000 persoas beneficiarias, das que o 25% utilizaron o tren
Menor explicou trala sinatura do convenio que “probablemente este ano achegarémonos ás 25.000 beneficiarios desde o inicio desta iniciativa do Programa de Termalismo Social”, na práctica metade dos casos, como en anos anteriores, calcúlase que proceden de fóra da provincia de Ourense e utilizan o tren integrado no Programa para chegar á capital provincial e desprazarse desde alí aos balnearios.