Deputación da Coruña presentará en Fitur ao Cabo Cortegal como destino turístico sostible

Será o vindeiro venres 21 de xaneiro no stand de Galicia
A filosofía da presentación responde á necesidade de aproveitar Fitur, como un dos principais escaparates do turismo a nivel mundial, “para poñer no mapa turístico Cabo Ortegal.

Deputación da Coruña | A presentadora Paula Vázquez será a encargada de participar como mestra de cerimonias no acto de presentación do Xeoparque de Cabo Ortegal que promove a Deputación da Coruña en Fitur.

Terá lugar o venres 21 ás 12h no stand de Galicia e contará coas intervencións do vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, do alcalde de Cariño e actual presidente da Asociación do Xeoparque de Cabo Ortegal, José Miguel Alonso, e da consultora Goodlife, María Mesías, como referente de empresa local.

A filosofía da presentación responde á necesidade de aproveitar Fitur, como un dos principais escaparates do turismo a nivel mundial, “para poñer no mapa turístico Cabo Ortegal, diríxindonos a un tipo de visitante responsable, consciente e respectuoso coas particularidades do territorio” asegura Xosé Regueira.

Segundo explica o vicepresidente “nesta ocasión, queremos achegar ao público o Xeoparque Cabo Ortegal dándolle voz ás persoas que viven e traballan neste territorio, como un xeito de amosar a súa auntenticidade e singularidade como destino turístico e a importancia de promocionalo desde parámetros de sustentabilidade, e que xere ingresos para a comunidade local”.

Pola súa banda, a presentadora Paula Vázquez asegura que é “unha honra participar como mestra de cerimonias na presentación” e adianta que será “un encontro para falar en primeira persoa da nosa riqueza cultural, dos nosos tesouros xeográficos e mesmo gastronómicos”. Tamén indica que terá presente “o cariño e o respecto polo medio ambiente, a preservación e o coidado do legado dos nosos ancestros”.

Convén lembrar que na presentación da Deputación se presentarán catro pequenas peza audiovisuais protagonizadas por distintos axentes económicos dos sete concenllos que conforman o proxecto, desde empresarios de distintos sectores ata representantes do deporte ou da cultura. Nos vídeos tamén se inclúe a presenza institucional do proxecto, coa participación dos alcaldes e alcaldesa e do vicepresidente da Deputación.

O acto do venres 21 tamén está previsto que conte co apoio das administracións locais, representadas por alcaldes, alcadesa, concelleiros e concelleiras do territorio, polo vicepresidente da Deputación, e por representantes do departamento autonómico de Turismo. Convén lembrar que o acto da Deputación se presentará baixo o epígrafe “Cabo Ortegal. Unha viaxe ao centro da Terra” e que este proxecto, impulsado desde a área de Turismo da Deputación, está conformado polos concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido, Cariño, Ortigueira, Cedeira e Valdoviño. Neste momento a candidatura de Cabo Ortegal é unha das propostas para a certificación Gobal Park da UNESCO.

Ademais da presentación do proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal, Xosé Regueira manterá ao longo dos tres días de Feira un importante número de encontros e xuntanzas profesionais con distintos axentes turísticos a nivel estatal e internacional. O vicepresidente tamén intervirá noutras presentacións de carácter provincial como a presentación do ’35 aniversario Abanca Pantín Classic Galicia Pro 1988-2022’; na presentación ‘Ferrolterra-Rías Altas: patrimonio vivo”; e na presentación ‘Barbanza – Arousa, experiencias na orixe da tradición Xacobea’.