Deputación da Coruña insta á Xunta a que impulse un Observatorio e unha Lei do Xogo

Para previr a ludopatía entre a mocidade

Deputación da Coruña | O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade de todos os grupos políticos unha moción impulsada polo Goberno provincial (PSOE e BNG) instando á Xunta de Galicia a que impulse, no menor espazo de tempo posible, un Observatorio do Xogo e unha Lei do Xogo de Galicia “que recolla todas as accións necesarias para a prevención das condutas adictivas asociadas ao xogo e as apostas e que regule o acceso a este de mozos e mozas”.

O pleno provincial reclama tamén ao goberno autonómico que cre un Observatorio Galego do Xogo que permita coñecer a situación actual desta lacra, como ferramenta esencial para poñerlle freo.

Ademais, acordouse poñer en coñecemento dos concellos a información do programa piloto de prevención da ludopatía que está a levar a cabo a Deputación da Coruña en colaboración con AGALURE, entidade de referencia da provincia neste ámbito, nos centros educativos para que os centros de secundaria que non estean adheridos se sumen no futuro se o consideran oportuno.

“Acordouse poñer en coñecemento dos concellos a información do programa piloto de prevención da ludopatía que está a levar a cabo a Deputación da Coruña en colaboración con AGALURE”

O pleno aprobou tamén por unanimidade unha moción da Marea Atlántica solicitando a modificación das bases dos programas de subvencións da Deputación para investimentos en materia de medioambiente.

Contra o peche do centro de operacións de Naturgy na Coruña
Coa abstención do PP e os votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños aprobouse unha moción impulsada polo Grupo Socialista en contra do peche do centro de operacións de Naturgy na Coruña.

A Deputación defende a necesidade de manter o centro na cidade para “garantir un servizo nas mellores condicións” e traslada o seu apoio ás reivindicacións traballadores e traballadoras do centro, rexeitando o seu traslado a outras localizacións.

Tamén coa única abstención do PP, aprobouse unha moción de Alternativa dos Veciños en apoio ao sector do espectáculo, as orquestras e bandas de música da verbena galega.
O pleno rexeitou as dúas mocións presentadas polo Partido Popular para a aprobación dun novo plan provincial destinado á financiación de obras de saneamento e abastecemento de auga e o incremento dos fondos PEL para atender as necesidades non cubertas ata o momento.

“Coa única abstención do PP, aprobouse unha moción de Alternativa dos Veciños en apoio ao sector do espectáculo, as orquestras e bandas de música da verbena galega”

As iniciativas foron rexeitadas cos votos de todos os grupos agás o propio PP, tras explicar os portavoces dos distintos grupos que o Plan Único xa cubre as necesidades dos concellos nesta materia. Desde a súa creación en 2017, o POS+ financiou 294 obras de ciclo da auga (saneamento e abastecemento) nos concellos coruñeses, cun investimento de 36,5 millóns de euros.

No caso do PEL, o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, destacou que a Deputación leva investido 28 millóns de euros en axudas directas a autónomos e microempresas, entre eles a hostalaría e as axencias de viaxes, que a partir do luns poderán solicitar axudas por importe de 9 millóns de euros nunha nova edición do programa REACTIVA específico para estes sectores, que están entre os máis afectados pola pandemia.

O pleno aprobou tamén unha moción do BNG instando á Xunta a aprobar e desenvolver un novo Plan sectorial eólico para Galicia que adecúe os proxectos, en canto á localización e tamaño, as características do territorio e fomente iniciativas coma os parques enerxéticos comunitarios ou o autoconsumo.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!