Deputación da Coruña envía ambulancias a Ucraína

Cumpre así o compromiso adquirido co embaixador de Ucraína en España, Serhiy Pohorelzew

Deputación da Coruña | Catro ambulancias galegas prestarán servizo a poboación ucraína que está a sufrir as terribles consecuencias da guerra tras a invasión rusa.

A Deputación cumpre así o compromiso adquirido polo presidente Valentín González Formoso co embaixador de Ucraína en España, Serhiy Pohorelzew, o pasado mes de marzo durante unha reunión na embaixada ucraína en Madrid, na que lle trasladou que unha das necesidades do país é a de contar con ambulancias para o traslado de feridos a lugares seguros e material sanitario.

Formoso realizou xestións con distintas compañías de ambulacias galegas, co obxectivo de que algúns dos vehículos dos que dispoñen e que xa non están en servizo ou deixarán de estalo proximamente “podan ter unha segunda vida en Ucraína contribuindo a salvar vidas”.

O presidente agradeceu a doazón por parte das empresas Servicios Sanitarios Auxiliares de Urgencia, Ambulancias Pontevedra, Servicios Sanitarios de Monforte e Sanitaria Lucense de Transportes, cuxa solidariedade permitirá enviar a Ucraína dúas ambulancias Volkswagen Crafter, unha Mercedes Benz Vito e unha Mercedez Benz Sprinter.

Formoso afirmou que seguirán sondeando a posibilidade de dispor de máis doazóns de ambulancias e outro material humanitario nos vindeiros meses para atender as necesidades da poboación ucraína, “á que enviamos toda a nosa soliedaridade e apoio ante esta inxusta guerra de Putin” e reiterou “o ofrecemento que lle trasladei no seu día ao embaixador de prestar a nosa colaboración en todo o que sexa posible, tanto no envío de material como no acollemento de persoas refuxiadas da guerra”.

Acollida a persoas refuxiadas da guerra
Neste sentido, coa colaboración da Cruz Vermella, a Deputación da Coruña acolle desde o pasado mes de maio na residencia do IES Rosalía Mera a 32 persoas, a maioría delas mulleres e nenos, refuxiadas da guerra de Ucraína.

A residencia estudantil foi preparada para dotala de todos os equipamentos necesarios para este proceso de acollida. Conta cun total de 22 habitacións con baño individual, con capacidade para 44 persoas, ofertándose tamén a cobertura de necesidades básicas como a alimentación, lavandería, mobiliario, conexión a Internet, etc. Ademais, conta con zonas comúns como salas de estar, de xogo, biblioteca, sala de televisión, comedor, cociña – office, despensa, sala de computadoras, habitacións e despachos para os profesionais que se encargarán da xestión.

A Deputación da Coruña xa conta con experiencias previas neste eido. Na década dos 90, durante o conflito dos Balcáns, colaborou co Goberno Central nun programa de acollida de refuxiados bosnios, que permitiu que trece familias con vinte menores procedentes de Skopje.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos