Deputación da Coruña destina 2M€ en axudas a 878 persoas autónomas

A través do programa PEL-Autónomos

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión das axudas da liña PEL-Autónom@s do Plan de Emprego Local, que ten por obxecto sufragar parte das cotas da Seguridade Social durante o ano 2022 de persoas autónomas naqueles meses que xa non perciban outras axudas, bonificacións, nin reducións.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que ao abeiro deste programa, “un total de 878 traballadores/as autónomos/as recibirán entre 1.200 e 2.400 euros para axudarlles no pago de cotas á Seguridade Social, cun investimento global de 2.032.600 euros, que supón duplicar o millón de euros consignado inicialmente neste programa”.

“O colectivo dos autónomos, ao que pertencen máis de 200.000 persoas en Galicia, ten unha importancia clave na economía e na creación de emprego en Galicia. Por iso decidimos crear esta liña de axudas que agora ampliamos para intentar que cheguen a todas as persoas solictudes, xa que se trata dunha das liñas con maior demanda do PEL”, explicou o presidente.

A liña PEL-Autónom@s, dotada inicialmente cun millón de euros foi suplementada de tal xeito que se puidesen conceder axudas a todas as persoas autónomas solicitantes que cumprisen os requisitos establecidos nas bases reguladoras, como ter o seu domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes e contar con menos de cinco anos de antigüidade na actividade empresarial. Ademais establécese tamén como requisito que a persoa beneficiaria solicite un mínimo de seis mensualidades de cotas sociais correspondentes o ano 2022.

Esta liña de apoio a autónomos é unha das que integran o PEL, unha aposta transversal do Goberno da Deputación á que se destinaron máis de 100 millóns de euros nos últimos seis anos a través de diferentes axudas para contratar persoal, impulsar o emprendemento, apoiar o desenvolvemento dos pequenos negocios e apoiar aos traballadores/as autónomos. Grazas a este investimento sen precedentes na área de emprego, nos seis anos transcorridos desde a creación do PEL, a Deputación axudou a crear 4.500 empregos, apoiou a 3.500 empresas e creou unha rede de provincial de espazos de coworking que xa conta con once centros en funcionamento na provincia da Coruña.

Características das persoas beneficiarias
Resulta destacable que o 47,71% das persoas beneficiarias das axudas desenvolven actividades económicas que foron especialmente afectadas pola pandemia COVID-19. Así, obsérvase que 245 autónomos/as beneficiarios/as dedícanse á actividade comercio, restauración e hospedaxe (o que representa case o 28% do total de axudas concedidas).

Pola súa banda, un 18 % das solicitudes concedidas pertencen actividades económicas enmarcadas dentro dos sectores estratéxicos, emerxentes e de alto potencial para Galicia, dos cales 129 persoas dedícanse á actividade agrícola, gandeira, forestal e pesca.
Tamén cabe destacar que o 95% das persoas beneficiarias nesta convocatoria de PEL-Autónom@s, non resultaron beneficiarias na convocatoria anterior.

Destaca a cifra de autónomos/as beneficiarios/as con domicilio fiscal en Sada e Ordes
En canto á distribución das axudas por concellos onde se localiza o domicilio fiscal das persoas autónomas beneficiarias, cabe destacar que a meirande parte proveñen de Sada con 38 por importe de 89.600 euros e Ordes con 34 solicitudes por importe de 78.400 euros, seguidas de Teo con 31 solicitudes concedidas que supoñen 69.200 euros.

Atendendo á distribución por comarcas, a de Santiago é a que conta cun maior número de solicitudes concedidas con 277, o que supón 640.600 euros en axudas, seguida da comarca de Bergantiños, cun total de 165 solicitudes concedidas por un importe de 379.200 euros. Entre ambas comarcas concéntranse o 50% das solicitudes concedidas.

A estas comarcas séguenlles a da Coruña con 158 solicitudes concedidas por importe de 365.200 euros e a de Ferrol con 155 e un importe de 358.200 euros. As restantes, pertencen á comarca de Barbanza, con 123 solicitudes concedidas e un montante en axudas de 289.400 euros. Pode consultar a listaxe completa das solicitudes concedidas no BOP de hoxe mércores, 21 de setembro.