Deputación da Coruña apoia o proxecto “Viaje a la Vida” de atención médida a menores africanos

Coa colaboración da Fundación "Tierra de Hombres"

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña reafirma ano tras ano o seu apoio ao proxecto ‘Viaje a la vida’, da Fundación Tierra de Hombres en Galicia, que permite proporcionar atención médica nos hospitais da Coruña e Santiago a nenos e nenas procedentes de países de África.

A entidade, que para este ano 2021 recibiu unha subvención de 7.440 euros no marco do programa provincial de axudas a entidades sociais e de cooperación, recibe o apoio da Deputación para este programa desde os seus inicios en Galicia no ano 2003.

Un total de 113 menores con graves enfermidades foron tratados no CHUAC e no CHUS grazas a este proxecto. O último caso é o de Khdeija, unha nena mauritana de 2 anos que foi operada no Hospital Materno Infantil dunha cardiopatía e que previamente tivo que ser tratada dunha bacteria, o que fixo que tivese que estar 1 mes ingresada. Khdeija recuperouse favorablemente e e xa está de volta coa súa familia en Mauritania.

A Fundación Tierra de Hombres, ademais de xestionar os traslados desde os países de orixe nos que conta con delegación (Mauritania, Marruecos, Benin, Togo, Guinea Conakry, Senegal e Mali), conta con voluntarios e voluntarias que se encargan do acompañamento aos menores durante a súa estancia nos complexos hospitalarios.

Nun contexto normal benefícianse deste programa entre 8 e 10 nenos e nenas pero debido á pandemia os traslados están a complicarse e alargarse polo cumprimento dos protocolos COVID e as previsións para este ano son traer entre 5 e 6 menores, dos que xa foron tratados 2 e está todo organizado para que en setembro veñan outros dous.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, eloxiou a labor da entidade e fixo fincapé no “bo fin que se lles dá ás axudas que outorgamos a través das nosas liñas sociais”. “Para nós é un orgullo colaborar con iniciativas coma esta que axudaron a mellorar a vida de máis de 100 menores e das súas familias e que poñen en valor a solidariedade e cooperación na provincia da Coruña”.

O delegado da Fundación en Galicia, Raúl Besada, destaca que o compromiso da Deputación da Coruña é moi importante “porque somos unha ONG que temos poucos socios e ter un apoio institucional dá a tranquilidade de poder cumprir a nosa misión e sufragar os traslados dos menores”.

Ademais, quixo destacar tamén a “axilidade que está a ter a subdelegación do Goberno para facer os traslados, algo vital”.