Delafé e Elba protagonizan o festival Ribeiro Son de Viño no Grove

Boa música e degustación do viño da D. O Ribeiro

O Grove | O festival Ribeiro Son de Viño volve a celebrarse no Náutico de San Vicente do Mar, unindo de novo na praia da Barrosa de San Vicente do Mar (O Grove) a boa música e o viño da D.O. Ribeiro, nunha xornada que será inesquecible para un aforo moi limitado.

Inicialmente había 90 entradas, que se amplían a 140 ao confirmar que fará bo tempo, que se venderán unicamente de xeito online, a 18 euros máis gastos de xestión, a través da ticketera https://nautico.entradas.plus/, para así ter un rexistro de asistentes.

Cada entrada inclúe acceso ao bar Náutico entre as 18.00 e as 22.30 horas para gozar dos concertos de Delafé e Elba, así como dunha botella de viño branco ‘Fillas D.O. Ribeiro’ (viño oficial da película galega Cuñados) e unha bolsa refrixeradora para mantelo fresco durante máis tempo. Aquelas persoas que non poidan asistir ao evento poderán velo en streaming en directo a través da plataforma de youtube. www.ribeiro.wine/es/festivalsondevino

As entradas venderanse agrupadas en cadeiras dobres, mesas de catro ou oito persoas, podendo ampliarse as de catro a cinco e as de oito a 10 persoas en taquilla o propio día. As normas poderán cambiar en calquera momento para adaptarse aos cambios nas restricións ou a relaxación das mesmas.

O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, comenta “este ano organizamos unha sesión moi distinta ás que levábamos celebrando nas anteriores edicións, con media xornada de concertos onde cumpriremos coas máximas garantías e un protocolo exhaustivo. Así poderemos reunirnos de novo e poder brindar co viño da D.O. Ribeiro ao son da mellor música nun das paraxes paradisíacas da costa galega con toda seguridade”.

“Poder brindar co viño da D.O. Ribeiro ao son da mellor música nun das paraxes paradisíacas da costa galega con toda seguridade”

Óscar D’Aniello, coñecido artisticamente como Delafé, visita de novo o Náutico de San Vicente en formato dúo xunto a Marina Prades presentando as cancións do seu último disco “Hay un lugar” e tamén os seus hits de sempre como “Enero en la playa”, “Lo más bonito del mundo”, “Mucho mucho mucho”, “Mar el poder del mar” ou “La primavera”.

Elba é o proxecto persoal da artista compostelá homónima. Graduada en canto lírico e violín no conservatorio de Santiago de Compostela con premio extraordinario na súa promoción e, tras pasar por varios proxectos musicais, presentou en xullos de 2019 “Hurt”, en maio de 2020 “Natural magic”, en abril de 2021 o coreado hit “Todo guay”, e prevé publicar o seu primer LP ao longo de 2021. Neste período de tempo xa sacudiu os escenarios de festivais tan relevantes como o Noroeste, o Melonafest, o 17º Ribeira Sacra ou o ciclo Noitinhas.

Inspirada por figuras como Kate Bush, Enya, Madonna e bandas como Joy Division, Echo & the Bunnymen e The Jesus and Mary Chain, Elba exhibe tanto na súa música como na súa estética a solidez dunha artista contemporánea íntegra e vangardista. O synth pop, o dark wave e o dream pop mestúranse na súa música para crear unha atmosfera de luces e sombras, vintage pero actual, natural pero meticulosa, fría e incandescente.