Declaradas nulas as eleccións sindicais en Citroën

Por non garantir o segredo e a liberdade de voto

Vigo/CUT | O Colexio Arbitral de Pontevedra, órgano de control das eleccións sindicais, considera , logo da impugnación presentada pola CUT, que resulta “evidente e indiscutible que as votacións non se produciron nas condicións óptimas para que as persoas votantes votaren en condicións de liberdade e segredo” e ordena que se repitan as eleccións sindicais.

“En resumo, non se xeraron as circunstancias suficientes para que as persoas puidesen votar en liberdade e en secreto. É un vicio moi grave, que ten que implicar a anulación das eleccións”. Desta maneira finaliza o Laudo nº 25/22 do 21 de novembro do Colexio Arbitral de Pontevedra que resolveu esta mañá a denuncia da CUT sobre a existencia de diferentes manobras de control do voto nas eleccións sindicais celebradas o 13 e 14 de outubro na empresa Peugeot Citroën Automóviles España, S.A (Grupo Stellantis), atribuídas tanto á empresa como ao sindicato corporativo, o SIT, e que tiveron como resultado o de impediren que as traballadoras puidesen escoller libremente a súa representación sindical.

A CUT denunciara, o propio día das votacións, que co obxectivo de destruír ao sindicalismo combativo e expulsalo da representación, se puxera en marcha unha estratexia de fiscalización de papeletas, consistente en asegurar que os traballadores e traballadoras votasen acompañadas e supervisadas, en moitas das ocasións por superiores xerárquicos.

Ademais diso, implementáronse outros mecanismos a maiores para facilitar o control: a colocación de mesas para o exercicio do voto en público (as chamadas mesas auxiliares), o ditado de instrucións expresas e individuais de que non se empregaran as cabinas con cortinas, ou mesmo a colocación das mesas coas papeletas á vista interventores presentes no recinto de votación. Todos estes medios dirixidos a posibilitar un control exhaustivo e individual das papeletas escollidas por cada traballadora ou traballador.

Estas denuncias son soporte do que agora se confirma no proceso arbitral resolto cunha resolución que ten grande transcendencia na empresa, ao ser a primeira vez que se adopta unha decisión de tal calado contra as prácticas antisindicais en procesos electorais que este sindicato fai públicas dende hai anos.

O árbitro puxo de manifesto que a Mesa Electoral Central non só abandonou a súa obriga de que as persoas puidesen votar en liberdade e en segredo, senón que a súa decisión de permitir votar acompañado “erosionou de xeito substantivo ditos segredo e liberdade […] Con esta decisión expresa, é evidente que os membros de cada mesa non podían censurar a conduta de acompañamentos nas mesas auxiliares e no recinto de votación, porque se converteu en normativa do proceso.”

O árbitro declara a nulidade “das votacións celebradas na empresa Peugeot Citroën Automóviles España, S.A” e “das actas rexistradas en relación coa dita votación” e ordena “retrotraer as actuacións para que se repitan as eleccións nos dous colexios”, o que implica non recoñecer a lexitimidade dos resultados de outubro coa debida repetición das votacións con expresa orde de que se garanta o dereito das traballadoras de Citroën a votar en segredo e en liberdade, libres de acompañamentos e marcaxes electorais.

Ademais, dispón que se deben adoptar medidas “que impida a visualización do voto por parte das persoas que interveñan como interventoras e dos membros natos da mesa electoral”, para garantir a intimidade no exercicio do dereito do voto.

“O responsábel da CUT en Stellantis, Vítor Mariño Fernández, celebra o resultado do proceso arbitral”

O responsábel da CUT en Stellantis, Vítor Mariño Fernández, celebra o resultado do proceso arbitral, que considera “que recoñece publicamente a situación de presión, temor e medo á represalia coa que o cadro de persoal de Stellantis participa dos procesos electorais ou de calquera acto e acción sindical, e asegura unha repetición dun proceso electoral no que terán que aprender a xogar limpo.

Aínda que sabemos que non estaremos exentos da tentativa de control de voto por parte do SIT e da empresa se fomos quen de chegar ata aquí faremos todo o posíbel para que as traballadoras e traballadores poidamos votar en liberdade, e poidamos seguir fortalecendo o sindicalismo combativo fronte á apisonadora do SIT, xa que a acción sindical é o único instrumento para facerlle á precariedade, ao deterioro da saúde e á perda de dereitos que se nos impón”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos