Debaterán o futuro do local da estación de autobuses de Ponteareas

Ponte Solidario convoca unha asemblea extraordinaria o día 8 de outubro

Ponteareas | Ponte Solidario leva meses denunciando a incerteza na que se atopa en torno ao local que usan, dende o ano 2017, na estación de autobuses de Ponteareas. Dende que o goberno local cedeu as chaves á Xunta de Galicia, a asociación está ao borde do desaloxo.

Representantes da asociación mantiveron unha xuntanza coa Dirección Xeral de Mobilidade o pasado mes de xuño onde se indicaba que non é incompatible o uso actual de Ponte Solidario no edificio público coa futura concesión das instalacións a unha empresa privada. Isto é así porque no contrato publicado unicamente está afectada a planta de abaixo e as actividades do colectivo de acción social son realizadas maioritariamente na de arriba.

Polo tanto, non se entende a présa que a Xunta de Galicia ten por botar a Ponte Solidario. Nesa mesma reunión, o colectivo preguntou se había intención de trocar o contrato de cesión incluíndo a parte de arriba e polo momento non recibiron ningunha información ao respecto.

Por outra banda, o vindeiro 28 de setembro, Ponte Solidario manterá unha xuntanza coa alcaldesa de Ponteareas e representantes de Vegalsa para valorar unha posible alternativa de local no caso de que finalmente a Xunta de Galicia non dea un paso atrás e manteña a súa decisión de botar a asociación do local da estación de autobuses.

Voluntarios e voluntarias de Ponte Solidario debaterán o vindeiro 8 de outubro nunha asemblea, aberta á participación de toda a cidadanía que o desexe, o seu futuro e anticipa que o modelo de toma de decisións asembleario, implantado desde o seu comezo como asociación no ano 2013.

Consideran que non é negociable e non van tolerar chantaxes e manipulacións do Partido Popular e da Dirección de Mobilidade da Xunta de Galicia.