David Regades: “Zona Franca, Concello e goberno de España planifican o Vigo de 2050”

O presidente da Zona Franca destacou que este proxecto busca "transformar a economía galega"

Vigo | Que se está a facer para planificar o Vigo de 2050? A esta pregunta tratou de responder o secretario xeral dos/as socialistas da provincia de Pontevedra, David Regades, e delegado de Zona Franca Vigo nun acto organizado diante de militantes socialistas da provincia e celebrado na sede da rúa Urzaiz. A xuntanza, en formato telemático e con aforo presencial limitado, forma parte dun ciclo sobre transparencia.

“O Vigo de mediados do século XXI debe ser unha cidade que sexa referencia en calidade de vida e cohesión social, altamente tecnolóxica, medioambientalmente exemplar e á vangarda da I+D+i na mobilidade”

Regades explicou, en liña coa recente presentación do Plan España2050, que o Vigo de mediados do século XXI debe ser unha cidade que sexa referencia en calidade de vida e cohesión social, altamente tecnolóxica, medioambientalmente exemplar e á vangarda da I+D+i na mobilidade. Os catro proxectos que a Zona Franca e o Concello de Vigo presentan aos fondos Next Generation da Unión Europea son pasos moi claros nesa dirección, indicou.

As fábricas de baterías, de microchips (circuítos fotónicos), a planta de hidróxeno verde e o proxecto do vehículo conectado non só suporían a creación de máis de dous milleiros de postos de traballo directos de altísima calidade e a creación dun número moi elevado de indirectos: “no fondo é unha aposta que vai máis alá de Vigo, e mesmo da provincia, pois trátase de transformar a economía galega, dotándoa de máis resiliencia e de fortalecernos para as crises que virán, porque os países máis tecnolóxicos son os que menos sofren cando veñen mal dadas”, explicou.

“Estamos a vivir unha pandemia na que a economía galega, como a española, amosou as súas debilidades; toda ser ambiciosos e ambiciosas, dar un paso adiante e asumir que non estamos aquí para responder cunha xestión rutineira, burocrática, ou para resignarnos a unha economía asentada sobre os sectores da construción e o turismo”, indicou Regades.

David Regades insistiu en que a estreita colaboración entre o Goberno de España, a Zona Franca e o Concello de Vigo está permitindo albiscar o Vigo2050 “unha cidade que non se conforma, que sabe planificar con luces largas nun escenario político pavoroso, no que o ruído enxordecedor, a confrontación e a propaganda baleira éncheno todo”. Regades insistiu en que “as institucións teñen a responsabilidade social de deseñar e defender proxectos tractores realmente transformadores e os catro impulsados dende Vigo están entre os mellores que España envía á Unión Europea”.

O secretario xeral destacou que estamos nun momento crucial no que a cooperación institucional para a recuperación, liderada dende a Unión Europea, debe xerar actividade socioeconómica aliñada coa Axenda 2030. “O que agora se ve, por parte de algúns, como obxectivos a medio prazo, xa non son retos do futuro, senón retos do presente; a economía e o medio ambiente xa non son cousas separadas”.

Na súa intervención explicou tamén os esforzos por dotar á Área de Vigo con outro millón de metros cadrados de solo industrial a partir das ampliacións do parque Tecnolóxico e Loxístico, Balaídos, A Garrida, A Pasaxe (Gondomar), Porto do Molle (Nigrán) e a Plisan, onde as xestións realizadas xa permitiron o desembarco de Albo e Beta Implants.

“Dotar á Área de Vigo con outro millón de metros cadrados de solo industrial a partir das ampliacións do parque Tecnolóxico e Loxístico, Balaídos, A Garrida, A Pasaxe (Gondomar), Porto do Molle (Nigrán) e a Plisan”

Finalmente, fixo un repaso ao papel de apoio da Zona Franca ás empresas e especialmente ás startups con iniciativas como Vía Galicia, pero tamén incentivando á saída aos mercados foráneos con Via Exterior e outras aceleradoras específicas entre as que destacan Vino Exterior e Cultura Exterior, ademais de Hight Tech Auto.