David Regades despídese da Zona Franca de Vigo

Tras reunirse co seu comité executivo con varios acordos definidos

Vigo | O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo desde xullo de 2018, David Regades, despediuse hoxe do comité executivo do Consorcio con varios acordos entre os que estivo a adxudicación do proxecto do aparcamento de camións da Balsa, ao Sur da ligazón da Balsa da VG-20 e próximo a Balaídos, tras a declaración de interese autonómico.

As empresas Proyfe e Calixto Escariz encargaranse da redacción do proxecto de interese autonómico (PIA), dos proxectos de expropiación e urbanización e da dirección facultativa das obras.

Na sesión, David Regades recibiu felicitacións unánimes por parte dos membros do comité executivo polo seu labor á fronte de Zona Franca nestes cinco anos, que serviron para impulsar a actividade do Consorcio e achegar a institución á cidadanía e ás empresas.

O sétimo delegado da Zona Franca de Vigo nos seus 75 anos de historia quixo agradecer, na súa despedida, o traballo do persoal do Consorcio, do comité executivo e do pleno e o esforzo de todas as persoas que colaboraron con el para traballar pola economía da área de Vigo e polo emprego.

Na mesma sesión aprobouse o nomeamento de Ana María Mejías Sacaluga como substituta ata o nomeamento dunha nova delegación do Estado.   O comité executivo tamén deu luz verde ao convenio co Concello de Vigo para o desenvolvemento dun proxecto piloto de integración da sede do Consorcio na rúa Areal e do Centro Comercial A Laxe no marco da “Convocatoria do Plan Nacional de territorios intelixentes da axenda dixital para España. Pilotos de edificios intelixentes”.

Así mesmo, deuse luz verde ao convenio coa Cámara Oficial de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa para a execución de accións de Promoción Comercial Exterior dentro do Programa do Plan Internacional de Promoción da Cámara de Comercio de España, en concreto para accións na feira Conxemar e nunha misión inversa de compradores europeos de subcontratación industrial.