Damián Alonso mergulla aos mozos porriñeses no mundo do podcast

A través dos “Obradoiros de Podcast” organizados polo Concello do Porriño

O Porriño | Preto de 200 alumnas e alumnos de 4º da ESO participan estes días nos “Obradoiros de Podcast” organizados pola concellería de Educación do Concello do Porriño a través da OMIX.

Trátase de obradoiros totalmente prácticos e participativos que se están a desenvolver nos centros de Educación Primaria do Porriño impartidos polo actor de dobraxe e locutor Damián Alonso.

“Os podcast convertéronse nun recurso educativo de moito valor, xa que melloran a comprensión e a expresión oral, ademais de axudar a desenvolver habilidades da linguaxe e a comunicación”, apuntou a concelleira, Carolina González, “Entre outras axudas educativas, a creación dun podcast estimula a imaxinación contando sen imaxes, reforza a aprendizaxe, potencia a comunicación, axuda na aprendizaxe colaborativa e aumenta a motivación”.

Nesta actividade as mozas e mozos traballarán todo o proceso de creación dun podcast, dende a súa creación ata como se locuta , se grava e se publica. “A nosa mocidade ten ganas de seguir aprendendo e por iso debemos adaptar as nosas propostas e modernizalas para que se adapten ás súas necesidades”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo.