“Cultura Urbana On Tour” chega ao Porriño

O vindeiro 19 de novembro con participantes de 8 a 16 anos

O Porriño | Os obradoiros “Cultura Urbana on Tour” farán escala no Porriño o vindeiro 19 de novembro.

Trátase dunhas xornadas itinerantes organizadas pola Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (Fagamos) que empregan a cultura urbana como ferramenta para traballar diferentes temáticas de interese social como a diversidade familiar, a igualdade ou a corresponsabilidade, entre outras. Parkour, Cap Paint, Grafitti e Rap son algunas das disciplinas que poderán probar os participantes, nenos e nenas de 8 a 16 anos. Con elas fomentarase a expresividade ideas e inquedanzas a través da creatividade.

A xornada desenvolverase na zona peonil en horario de 17 h a 19 h e, en caso de choiva, trasladarase ao pavillón do CEIP Xosé Fernández López.

O espazo está aberto a todas as familias, con prioridade de acceso a nenos e nenas de familias monoparentais, familias con mulleres vítimas de violencia de xénero e outras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de risco de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

A información e inscricións pode realizarse a través do código QR do cartaz promocional ou na web www.fagamos.com. Haberá unha mesa informativa para aquelas persoas adultas que queiran achegarse a coñecer como solicitar o recoñecemento da condición de familia monoparental en Galicia ou calquera outra duda sobre este modelo familiar.

“Cultura urbana On Tour” é unha actividade incluída na actuación “Currunchiños de Conciliación” do proxecto “Facemos Corresponsabilidade 2023” no marco do Plan Corresponsables, coa financiación do Ministerio de Igualdade e a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A actividade será impartida por Vella Escola coa colaboración do Concello do Porriño.