Cultura e música para a recuperación: a Eurocidade Tui-Valença aposta polo MUMI 2021

Encontro musical que terá lugar do 9 ao 11 de setembro

Tui | “Estamos ávidos de espectáculo”. Así o proclamaba o presidente da Cámara Municipal de Valença (Portugal), Manuel Rodrigues Lopes, na presentación hoxe mércores 5 do MUMI 2021, o encontro profesional das músicas do Minho que se celebrará do 9 ao 11 de setembro.

Xunto a el, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González e representando á organización do MUMI, César Cardoso e Manuel Vicente Roxo. “Non temos dúbida de que o MUMI vai converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular”, subliñou Cabaleiro. O encontro do sector musical, que terá programación aberta á cidadanía, repartirá a súa actividade entre Valença e Tui en 2021 e xa ten o compromiso e interese de ambos municipios para 2022. A presentación hoxe mércores 5 no Arquivo Municipal de Valença foi tamén unha celebración da apertura da fronteira terrestre entre Galicia e Portugal tras catro meses de peche.

César Cardoso e Manuel Vicente Roxo, representantes dun equipo organizador con estrutura en ambas beiras do Miño, remarcaron o carácter de punto de encontro que terá o MUMI despois dun ano tan difícil para o sector musical pola pandemia. “O MUMI pode ser o punto de partida para a recuperación creando un espazo de encontro onde vernos as caras e construír unha relación estable entre axentes e empresas galegos e portugueses”, sinalou Roxo. A organización prepara un programa de encontros para empresas e festivais, actividades formativas e obradoiros asi como moita música ao vivo para os dias 9, 10 e 11 de setembro. “No MUMI sabemos da importancia da proxección pública, de programar concertos nas rúas de Tui e Valença abertos á cidadanía. Serán máis de cincuenta concertos nas dúas edicións nun territorio único como é a Eurocidade”, apunta Roxo.

“O MUMI é un proxecto que veñen madurando desde hai anos un grupo de empresas culturais de Galicia e Portugal, e que tivo unha edición cero en 2020 en Verín, coincidente en datas co inicio do confinamento, polo que non puido desenvolverse con plenitude. Na Eurocidade Tui-Valença o MUMI desenvolverá as edicións 2021 e 2022”

O MUMI é un proxecto que veñen madurando desde hai anos un grupo de empresas culturais de Galicia e Portugal, e que tivo unha edición cero en 2020 en Verín, coincidente en datas co inicio do confinamento, polo que non puido desenvolverse con plenitude. Na Eurocidade Tui-Valença o MUMI desenvolverá as edicións 2021 e 2022 xa que, tal como sinalou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, “este territorio é o mellor escaparate para unha Feira coma esta e as institucións imos volcarnos”.

Na rolda de prensa, na que tamén estivo presente Sonsoles Vicente Solla, responsable de Cultura no concello de Tui, Cabaleiro fixo fincapé na magnitude e singularidade dun territorio como o que conforman Tui e Valença. “O futuro de Galicia está en Portugal e boa parte do de Portugal está en Galicia. Estamos ante unha das poucas fronteiras en Europa de carácter urbano. Antes da pandemia, catro mil cincocentos vehículos cruzaban a diario a ponte entre Tui e Valença, o cal dá idea das relacións sociais, económicas e culturais que hai establecidas”, afirmou.

Pola súa banda, Manuel Rodrigues Lopes, presidente da Cámara Municipal de Valença, contou que foi dos primeiros veciños en cruzar a Tui o pasado sábado 1 de maio, día no que se levantou o peche da fronteira. “Nós non temos unha ponte, temos unha rúa que nos une, nunca precisamos de pasaportes”, sinalou nun discurso cheo de afectividade e entusiamo por proxectos conxuntos como o MUMI. “Alabo a coraxe o equipo organizador, falamos de dúas cidades interligadas que precisan de horizontes comúns. Durante estes catro meses, Valença botou moito en falta a alegría dos galegos e estou convencido de que Tui non era o mesmo sen a presenza da veciñanza do norte de Portugal. O MUMI 2021 é un embrión de todo o que pode vir nun futuro próximo”, afirmou.

Tres días de música e encontros profesionais en localizacións emblemáticas de ambos municipios. Asi séra o MUMI 2021, que bota a andar tras esta presentación co obxectivo de crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, xornalistas e público xeral daranse cita en setembro neste evento que conta co apoio económico de ambos concellos, que aportan 15.000 euros cada un deles.

“Tres días de música e encontros profesionais en localizacións emblemáticas de ambos municipios. Asi séra o MUMI 2021, que bota a andar tras esta presentación co obxectivo de crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa”

Ademais do impacto económico que terá na contorna, desde a organización remarcan o impacto social e mediático dun evento coma este. “O MUMI crea alianzas estratéxicas e iso é fundamental nun momento como o que estamos a vivir”, apunta Manuel Vicente Roxo.