Cribado masivo en Vigo a 3.000 persoas de Ponteareas

Realizará o SERGAS a petición do Concello ponteareán

Ponteareas | A alcaldesa en funcións e concelleira de Saúde de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, informa que o Sergas procederá a realizar este mércores en Vigo un cribado aleatorio a tres mil ponteareáns e ponteareás, que recibiron as notificacións nos seus teléfonos.

Así llo comunicou na tarde deste luns o xerente da Área Sanitaria de Vigo á alcaldesa, logo de que a pasada semana Fdez. Davila lle reiterase a urxente necesidade de realizar un cribado masivo dada a alta incidencia da pandemia en Ponteareas. A día de hoxe, o número de novos casos diagnosticados é de 302, cunha incidencia acumulada superior a 1300.

Fdez. Davila lembra que “a petición dun cribado masivo vímola realizando dende hai meses nas diversas reunións semanais cos diferentes cargos sanitarios da Xunta debido aos preocupantes datos de incidencia acumulada, notablemente maiores aos doutras localidades nas que si se realizaron eses cribados. A Ponteareas unicamente se nos permitiu facilitar un listado non superior a 500 persoas para a realización de probas PCR voluntarias por sectores, primando os de maior contacto con outras persoas como o comercio, a hostalaría, o persoal dos centros de ensino e o persoal municipal, pero máis da metade das persoas anotadas non recibiron comunicación do Sergas para acudir”.

“De terse realizado en Ponteareas o cribado masivo solicitado, teriamos detectado a tempo persoas asintomáticas que contribuíron sen sabelo á expansión do virus”, sinalou a alcaldesa en funcións. Por este motivo, Cristina Fdez. Davila lamenta que finalmente só se conceda unha “esmola” realizando un cribado aleatorio en Vigo á veciñanza de Ponteareas e Salvaterra de Miño “motivado pola baixa participación da poboación viguesa no cribado desa cidade”.

Cristina Fdez. Davila aclara que o Concello de Ponteareas sempre afrontou a pandemia coa man tendida á Xunta, ofrecendo colaboración para a realización dos cribados na vila, procurando evitar desprazamentos indesexados e facilitando que os e as ponteareás non tiveran que deixar os seus traballos para acudir ao hospital. “Fixémolo coa máxima lealdade e cunha actitude de estreita colaboración entre institucións. Agardamos que esta lealdade institucional sexa recíproca, xa que nos resulta incomprensible que a este Concello se lle comunique a realización do cribado aleatorio na tarde deste luns, cando a veciñanza xa recibira as notificacións, mentres o concello veciño de Salvaterra xa dispuña desa información a primeira hora do pasado venres”, manifestou a alcaldesa en funcións.

Malia todo, Cristina Fdez. Davila apela unha vez máis á responsabilidade da poboación e a súa colaboración para participar neste cribado todas aquelas persoas que sexan citadas polo Sergas. “Cantas máis persoas se sometan as probas máis información e seguridade poderemos aportar para reducir o número de contaxios e frear canto antes a expansión do virus”, concluíu.