Crecente recibirá 800.000€ en investimentos da Deputación de Pontevedra

Dentro dos programas +Provincia e do PON2030

Crecente | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou ao alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, dun apoio de máis de 800.000 euros por parte do organismo provincial neste Concello ao abeiro de plans como o +Provincia, o PON2030 ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

No encontro, que tivo lugar este luns no despacho presidencial do Pazo provincial, ambos os dirixentes analizaron outros asuntos de interese mutuo para ambas as administracións o López adiantou a disposición do goberno provincial para a construción dunha senda peonil na EP-5005, nun treito de 750 metros entre o centro urbano e o centro residencial das Esclavas da Virxe Dolorosa.

“Repasamos os fondos do +Provincia, no que Crecente tivo un incremento de 75.000 euros máis con respecto ao ano 2023 en base a ese novo criterio que incluímos para premiar a eses concellos que tiveran un maior envellecemento e unha maior perda de poboación”, destacou Luis López ao remate da reunión.

Relacionado coas estradas provinciais que cruzan este municipio, os dirixentes estudan tamén as opcións de levar a cabo a mellora íntegra da seguridade viaria e da mobilidade peonil nun treito antigo de 1.350 metros da EP-5005 entre Pouso e A Cañiza. “Estamos vendo as pautas para darlle un impulso a este proxecto ambicioso e transformador, que levará os seus tempos pero viría a cambiar por completo a entrada ao núcleo urbano de Crecente”, salientou o presidente.

Un dos principais asuntos tratados no encontro foi o proxecto para a renovación dos equipamentos do campo de fútbol de Crecente, unha obra orzamentada en 428.500 euros e que será financiada ao 100 % por parte da Deputación a través do programa PON2030, polo que o organismo provincial achega uns 364.000 euros; e do +Provincia, co que o goberno de Luis López cubre a aportación municipal marcada no convenio de colaboración que ascende a 64.200 euros. Neste sentido, ambas as entidades estudan a posibilidade de dotar de céspede artificial a esta infraestrutura.

Correspondente á Liña 1 para investimentos do +Provincia, o presidente informou ao rexedor da aprobación dunha subvención de 127.000 euros para levar a cabo traballos de pavimentación nos lugares de Ameixeira, Padrosos e Quintas. Ademais, a través da Liña 3 para o fomento do emprego, Crecente recibe 94.500 euros para a contratación de sete persoas. Do mesmo xeito, correspóndenlle 40.800 euros a través da Liña 2 de apio ao gasto corrente e 12.300 euros para a redacción de proxectos transformadores da Liña 4.
Ademais do +Provincia, a Deputación tende pontes co Concello de Crecente a través do Plan de Infraestruturas Deportivas, polo que achega uns 30.000 euros para a mellora das instalacións e a remodelación da piscina municipal.

Por outro lado, a Deputación colabora co Concello de Crecente noutros eidos como as políticas sociais coa achega de 43.260 euros para sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e coa aportación de 12.300 euros en Axudas Básicas de Emerxencia, que serven para atender as demandas da veciñanza en situación de exclusión social.

Este encontro institucional entre o alcalde Julio César García-Luengo e o presidente Luis López, que forma parte da serie de reunións de traballo que o mandatario provincial está a manter con rexedores de todo o territorio, transcorreu nun clima de cordialidade no que López puxo en valor o labor do alcalde. “As magnificas instalacións que hai en Crecente son froito do traballo do alcalde, que presenta proxectos maduros e serios aos que non se pode dicir que non”, rematou o presidente provincial.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.