“Considero importante non esquecer que o adversario político é o PP”

Marta Lois | Candidata de Sumar Galicia

Marta Lois é a cabeza de lista de Sumar Galicia para as vindeiras eleccións autonómicas do 18 de febreiro de 2024. Lois chega nun momento en que Sumar tomou impulso nas eleccións xerais do 23 de xullo de 2023 e valora positivamente a cantidade de votos recibidos polas forzas progresistas nas eleccións xerais, 800.000 votos. Por iso considera moi necesario que o avano da esquerda non perda de vista quen é o verdadeiro rival para darlle fin a unha etapa de catorce anos co PP na Xunta de Galicia.

Cales son as vibracións que estades a sentir nestes momentos de precampaña?
Sumar Galicia vén precedida duns bos resultados electorais nas eleccións xerais sendo a terceira forza política no país. O que sentimos dentro da sociedade galega é ganas de cambio, cambio histórico na Xunta de Galicia despois de catorce anos de PP. Sentimos tamén que a xente é consciente de que para realizar ese cambio política, abrir esa xanela para botar da Xunta ao PP, é necesario mobilizar o voto progresista para termos un Sumar forte. Sen Sumar na ecuación do espazo progresista non vai ser posible, entón podo dicir que teño boas sensacións.

Ante o baile de enquisas actuais sobre se haberá ou non outra maioría absoluta do PP cal é a análise de Sumar Galicia?
Sobre os inquéritos electorais neste caso e coma sempre, son inquéritos, o resultado real coñecerase o 18 de febreiro. En calquera caso, os datos obxectivos e científicos dos resultados e que moitas veces os galegos e galegas non teñen moi presente son que o 23 de xullo houbo máis de 800.000 votos progresistas en Galicia superando moito ao voto conservador. A participación nas eleccións autonómicas baixa e baixa pola vía da esquerda. Sabemos que as persoas dentro do espectro progresista é consciente de que o PP quere agochar estas eleccións entre a saída do Nadal e a chegada do Entroido para seren un simple trámite.

“O que sentimos dentro da sociedade galega é ganas de cambio, cambio histórico na Xunta de Galicia”

Se a xente lembra a cantidade de voto progresista que houbo hai pouco máis de seis meses e a mobilización é máis ampla, o PP non ten por que ter a maioría absoluta. Iso pasa, non só por concentrar o voto senón en expandir o voto progresista, é dicir, o voto de Sumar é estratéxico e fundamental para conseguir ter máis escanos que o PP.

Dentro dese espectro progresista cales son os puntos de unión e cales os que se deberían polo menos rebaixar para ter un goberno diferente ao do PP?
Creo que somos forzas progresistas distintas con programas distintos mais considero importante non esquecer quen é o adversario político. Ese adversario de calquera forza progresista é o PP coas súas políticas regresivas, de parálise no ámbito de políticas de sanidade, ensino ou as sociais, tamén das políticas non existentes en materia industrial e mesmo as políticas de dependencia. Estes días as forzas políticas estamos presentando medidas estrela con matices, mais aquí e agora é necesario non confundir quen é o adversario.

Sumar nunca confunde os adversarios e eses son as políticas que levan traendo atrasos e grandes retrocesos a Galicia. Tiven a oportunidade de estar con xente de SOS Sandiade Pública e unha das grandes denuncias que facemos desde Sumar é o desmantelamento da atención primaria por parte do PP. Levamos propostas dun incremento do 25% dos orzamentos en sanidade, un incremento que non vai dirixido ao tratamento farmacolóxico nin para ampliar as arcas do sector farmacéutico, senón para mellorar a atención primaria. E coma iso, medidas que teñen que ver coas cuestións da axenda social. Creo que haberá ocasión de ver algunhas diferenzas entre as forzas progresistas mais onde temos que poñer o foco galegos e galegas é sobre o PP quen ten a Galicia fóra do mapa das políticas para mellorar as vidas da xente desde hai máis de catorce anos.

Dentro das políticas para evitar a emigración de xente nova, Sumar que propón?
Debemos ter en conta factores como a dispersión e avellentamento demográficos ademais dun rural completamente abandonado logo de década e media de PP, debemos facer cousas con sentido común. Hai unha necesidade de reformular a mobilidade e de apostar por vertebrar o territorio, debemos apostar polo transporte público como é o tren e o tren de cercanías para conectar o territorio e conectar espazos do rural para que se poida vivir neles ou traballar nos espazos urbanos se os empregos están aí e, por suposto, apostar polo que denominamos “o rural vivo”, apoiar e apostar por proxectos de emprendemento, de economía social e desenvolvemento local que traen riqueza ao conxunto do país.

“Segundo o informe do Consello Económico e Social de 2022 en Galicia desde 2009 até o 2022 en Galicia perdéronse 40.000 empregos na área de industrial”

Por tanto, hai aspectos definidos que teñen relación con vertebrar o país en termos de mobilidade, a aposta pola transición ecolóxica e o tren de proximidade. Moito falaron desde o PP sobre se viña ou non o AVE mais á grande maioría de galegos e galegas non lles importa o AVE, e si lles importa ter transporte público de tren de cercanías para vertebrar o país. É necesario apostar por un rural vivo, por poñer en valor o noso agro, poñer en valor a soberanía alimentaria e todo isto para evitar que moita xente marche por falta de oportunidades. Segundo o informe do Consello Económico e Social de 2022 en Galicia desde 2009 até o 2022 en Galicia perdéronse 40.000 empregos na área de industrial. Estamos falando dun país que non ten políticas para crear empregos baseados nas enerxías limpas e apostar polo noso territorio rural e urbano.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.