
Ourense | O delegado territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo, visitou no Concello do Pereiro de Aguiar, o circuíto de prácticas de condución da Autoescola Sanfrande, para informar sobre a segunda convocatoria de axudas impulsada pola Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes, para obter o certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade de ampliación ou promoción, así como os permisos de condución das clases C e D.
O delegado territorial explicou que esta iniciativa da Xunta, dotada cun millón de euros, ten como obxectivo facilitar a incorporación de condutores profesionais ao mercado laboral. Nesta liña, explicou que a través desta orde o Goberno galego quere mellorar as posibilidades de empregabilidade dun sector da poboación, ampliando as súas competencias e o seu currículo, como elemento de profesionalización, e promover a súa incorporación ao mercado laboral.
Manuel Pardo, acompañado do presidente da Asociación de Autoescolas de Ourense, Luís Novoa, detallou que a convocatoria, aberta ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito, inclúe dúas liñas. Unha delas destínase a subvencionar os cursos realizados, coa cualificación de apto, para obter o certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou de ampliación ou promoción, para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada. A outra liña subvencionará a obtención dos permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E.
No que atinxe á intensidade das axudas o importe máximo que percibirá cada persoa será de 1.200 euros, tanto para a obtención do permiso de condución das clases C, C1, C+E, D, D1, D1+E e/ou D+E como para a do certificado de aptitude profesional (CAP). Na modalidade de ampliación ou promoción, a contía máxima será de 300 euros. En todo caso, a axuda non pode exceder o total aboado polo alumnado nin superar os 3.900 euros no caso de percibir axudas a través das dúas liñas.




