‘Coñece Ponteareas’ arranca de novo este agosto cunha visita a Angoares

O próximo domingo 1º de agosto a partir das 10.00 h

Ponteareas | O programa ‘Coñece Ponteareas’ volve este mes de agosto con novas visitas guiadas no municipio. O departamento de Turismo, dependente da Concellaría de Promoción económica, en colaboración coa Concellaría de Cultura, ten data para o primeiro encontro, unha visita o vindeiro domingo 1 de agosto a través do que se poderá coñecer un pouco máis Angoares.

Neste percorrido, as persoas participantes comezarán a visita na igrexa románica de San Pedro de Angoares, única en Galicia pola súa planta de cruz latina e ábsida rectangular, na que destacan os capiteis e os canzorros, dos que conta cunha ampla colección moi interesante. Dende alí, o grupo partirá cara a ponte do Cabalón, de época medieval e situada sobre o río Uma.

A actividade, de balde, contará con prazas limitadas, polo que será necesaria a reserva previa de praza. As persoas interesadas poderán inscribirse dende este mesmo sábado 24 de xullo na Oficina de Turismo, enviando un correo a turismo@ponteareas.es ou no teléfono 986 660 765 de luns a venres en horario de mañá. Durante a visita será obrigatorio cumprir con todas as medidas de prevención necesarias.

Con esta iniciativa, a Concellaría de Promoción económica que dirixe Eva Gil “busca poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e natural do municipio”.