Concurso de Bandas Galician Brew – Rock in Río Tea “1000 Euros e 500 birras”

Co apoio da Concellería de Eventos de Ponteareas

Ponteareas | Os organizadores do festival Rock in Río Tea retoman a súa actividade tras a redución de eventos por mor da pandemia. Da man de Galician Brew, empresa cervexeira afincada no val do río Tea, e coa que xa colaboraran previamente na creación da cervexa que leva o nome do festival, retoman un dos seus eventos máis coñecidos: o Concurso de Bandas.

Malia que as bandas xa non poderán subir ó escenario da mítica sala JJ, o concurso volta dun xeito online e novidoso, no que as bandas terán que enviar un vídeo dunha canción súa coa letra en galego, ou con subtítulos na mesma lingua, para optar a un premio de 1000 euros e 500 birras.

O método de inscrición será a través da web de Galician Brew cun prazo que remata o 14 de marzo. De entre todas as bandas que participen escolleranse 20 vídeos finalistas, dos cales 10 serán elixidos por votación popular na rede e outros 10 pola propia organización. Tras a elección de eses vinte vídeos, un xurado de gurús do rock escollerá á banda gañadora que defenderá o premio actuando en directo na fábrica de Galician Brew en Padrons (Ponteareas).

Toda a información relativa ao concurso poderase seguir diariamente na páxina de Facebook do Rock in Río Tea e de Galician Brew.

Dende a concellaría de Eventos, que dirixe a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, amosan o seu apoio ao concurso de bandas que cada ano vai vinculado ao festival de música Rock In Río Tea, referente na axenda dos festivais de música de Galicia e norte de Portugal.