Concellos galegos esixen á Xunta de Galicia solucionar a folga das Galiñas Azuis e centros de maiores

Contan co apoio do CNT

Santiago de Compostela/CNT | Máis de 20 Concellos de toda Galicia, de todas as cores políticas, rurais e cidades aproban mocións nas que se insta a Xunta a que negocie de boa fe co Comité de Folga da CNT.

Os Concellos solicitan que nos criterios de baremación dos procesos de estabilización se puntúe prioritariamente a experiencia no posto específico; e que os acordos se trasladen ao Presidente da Xunta para resolver de xeito inmediato un problema que está afectando directamente á veciñanza.

O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar pertence á Xunta nun 51% e aos Concellos no restante 49%, polo que a última palabra pertence a San Caetano. Aínda así dende os Concellos queren facer público o seu apoio incondicional ás traballadoras que levan 15 anos desenvolvendo os traballos con moi bos resultados e que na maioría dos casos xa teñen vínculos coas persoas ás que atenden.

Apuntan que desfacer os equipos é camiñar para atrás. Este último tramo de folga, que comeza o luns 12 e se prolongará ata o día 23, promete ser o máis forte e duro dende que en setembro comezaran as mobilizacións. A última reunión co Director Xeral de Función Pública resultou ser un insulto para as traballadoras, quedando clara a nula intención negociadora.

Dende aquel 25 de outubro non deixaron de sumarse apoios de diferentes Concellos, da Deputación da Coruña ou da FEGAMP, reclamando o que dende a CNT entenden como de xustiza. As traballadoras reclaman a garantía dunha convocatoria específica no ente, a garantía de oposición non eliminatoria, a retirada do concurso de traslados e unha baremación na que a experiencia no Consorcio conte o triplo que en calquera outra administración.

Dende o comité de folga observan claras discriminacións por sexo e lembran que nos colectivos masculinizados non se ningunea desta forma a 1.500 traballadores “É preciso queimar cousas para que te escoiten?” Os Concellos de Galicia reclaman á Xunta que non desmantele os servizos de coidados e que negocie coas traballadoras en folga das Galiñas Azuis e centros de maiores.

A CNT critica a nula intención negociadora da Xunta e reclama eliminar a discriminación por sexo que se albisca tras o conflito As traballadoras do Consorcio continúan este mes cunha folga que comezara en setembro, e anuncian grandes paróns ás portas do Nadal

Os concellos que aprobaron as mocións son: Santiago de Compostela, Ourense, Ferrol, Carballo, Mondoñedo, Tui, Ribadeo, Ribadavia, Oleiros, Taboada, A Fonsagrada, A Pontenova, O Valadouro, Pantón, Abadín, Forcarei, Barro, Cambre, Arzúa, Sada, Bergondo e Culleredo.