Concello do Porriño reafirma a súa colaboración coas ANPAS

A través de axudas valoradas en 21.000€

O Porriño | O Concello do Porriño vén de resolver as axudas municipais dirixidas a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven accións no eido da educación. A administración local dispuxo un total de 21.000 euros para axudas ás ANPAS do municipio e efectuou xa o primeiro pago -80%- ás asociacións beneficiarias.

En total foron tres as Anpas que solicitaron e xustificaron as axudas: a ANPA do CEIP Plurilingüe de Atios que o fixo para o Aula Madruga, a do CEIP Cruz Budiño, para actividades extraescolares e saídas culturais, ANPA Alborada para actividades extraescolares e a ANPA Oliveira para saídas culturais.

Cabe destacar que estas achegas suspendéranse os dous últimos cursos escolares pese a contar con partida no orzamento. O novo executivo local decidiu retomalas ao consideralas vitais para o correcto funcionamento da comunidade educativa. A concelleira de Educación, Carolina González, quixo destacar “o fundamental labor que desenvolven as asociacións de nais e pais dentro da comunidade educativa, sobre todo no tocante á organización de actividades extraescolares tan importantes para os alumnos e alumnas e para facilitar a conciliación familiar”.

ECOYOUTH impulsa a sustentabilidade con actividades dirixidas á mocidade
O Porriño acolle esta semana múltiples actividades dirixidas á mocidade no marco do proxecto europeo ECOYOUTH, no que participa o IES Ribeira do Louro.

A primeira delas será un seminario sobre reciclaxe que se desenvolverá mañá mércores, de 11 h a 13 h, no Centro Cultural Municipal. O obxectivo desta actividade é crear conciencia e ensinar aos mozos e mozas hábitos de reciclaxe, sobre todo nas zonas rurais.

Participa como moderador Rafael Alonso, enxeñeiro municipal do Concello do Porriño; Ana Pazó, licenciada en Bioloxía, Mestra Composteira; Amador Ordóñez, profesor do IES Ribeira do Louro e coordinador do proxecto europeo ECOBUILD. _Playing to Ecobuild for learning to protect Environment_, e Manuel Viñas, enxeñeiro forestal xefe de servizo de FCC Aqualia e delegado dos servizos para o Consorcio de Augas do Louro.

O venres, ás 14:30 h no Restaurante Manolo, celebrarase unha mesa redonda centrada na xestión de residuos industriais, contaminación ambiental e aforro enerxético. Na mesma compartiranse opinións e melloras e falarase de futuras colaboracións entre a industria e o Concello do Porriño a tal fin. Participarán Amador Ordóñez e Juana Ibernón, profesores do IES Ribeira do Louro, José Angel Lorenzo, gerente do Cluster do Granito, David Sobral, secretario xeral da FEGAPE, Carolina González e Rafael Alonso, en representación do Concello do Porriño e representantes de ACIPOR e AHOSPOR.

Por último, o luns 10 de outubro terá lugar a Andaina ECOYOUTH que sairá ás horas do Concello do Porriño e está dirixida á mocidade, a partir dos 14 anos de idade. A andaina, que ten o obxectivo de promover o valor paisaxístico e cultural da zona, estará guiada por persoal experto en sendeirismo e na natureza para profundizar nos puntos máis importantes do seu percorrido, entre eles as Gándaras de Budiño.

Para participar nas actividades é necesaria inscrición previa que pode facerse a través das seguintes ligazóns.

Seminario de Reciclaxe:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScZby-XSnACZDreJjeFmQOqnjonvMUt3j3W8OfvbTIPHkEPmA/viewform?usp=sf_link

Mesa Redonda:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScj-5eF1FH24PNKypbDMw2MDOEJMIdhLiCt1RTqC3B3zG_8Fw/viewform?usp=sf_link

Andaina ECOYOUTH: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdsV23yiWoN32CK38AS_PN1AnCTOn9cJ9gURX24ek0j3FJTcA/viewform?usp=sf_link