Concello do Covelo mellora o auditorio municipal

Inviste máis de seis mil euros nun novo proxector e nunha nova pantalla

O Covelo | Co obxectivo de ofrecer servizos de maior calidade e ampliar a oferta de actividades do auditorio municipal, o Concello de Covelo realizou un investimento de 6.139, 54€ en material audiovisual.

Dado o intenso uso que se realiza do auditorio no que se imparten cursos e se programan actividades de lecer, o Concello mercou un novo proxector de tecnoloxía láser LCD e unha pantalla eléctrica de catro metros de ancho por dous e medio de alto. Ademais, adquiríu un selector HDMI con extractor de audio e un extensor de HDMI con ata cen metros de calidade Full HD. Este novo material permitirá proxectar imaxes de mellor calidade e resolución e un audio con menos interferencias e maior claridade.

Vivir no rural non é unha escusa para quedarse atrás e nisto traballa o goberno de Covelo, “dende a administración local tentamos quitarlle o máximo rendemento aos espazos públicos e que a veciñanza poida desenvolver todo o que precise nos mesmos. Ofrecer ferramentas axeitadas é indispensable para manterse actualizados”, explica o alcalde de Covelo, Pablo Castillo.

Engade, ademais, que é importante estar atento e aberto a todos os posibles apoios, convenios, axudas e convocatorias para investir na mellora do día a día da cidadanía; como neste caso no que a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia financia o 50% do custo.