Concello de Tui entrega á Catedral unha reprodución do diploma do rei Fernando II

Data de 1170 e determina a ampliación da superficie da cidade

Tui | Mañá xoves, 9 de xuño, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Arquivos, o Concello de Tui entregará á Catedral tudense unha reprodución facsímile do diploma concedido polo rei Fernando II á sede tudense no ano 1170. O acto terá lugar ás 11.30 h no Salón de Plenos da Casa do Concello coa asistencia do alcalde, Enrique Cabaleiro, e do deán do Cabido da Catedral, José Diéguez Dieppa.

Outra copia facsímile deste documento foi entrega polo alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, ás SS MM os Reis de España no visita que realizaron á nosa cidade para a entrega do Premio Princesa de Girona ao Colexio Rural Agrupado “Mestra Clara Torres” o pasado mes de outubro.

Este documento en pergameo conservado na Catedral de Tui é un dos máis significativos privilexios reais concedidos á sede e á cidade de Tui ao longo dos séculos, neste caso polo Rei Fernando II no ano 1170.

Neste documento asinado en Tui polo rei Fernando II e a súa esposa, a raíña Urraca, VIII Kalendas Aprilis Era M CC VIII (24 de marzo de 1170) determina a ampliación da superficie da cidade, establece a construción de murallas e concédelle aos cidadáns de Tui unha carta foral que garante o desenvolvemento da cidade como certo artellador deste espazo transfronteirizo que se desenvolve arredor da sede episcopal que, ata o século XV, abrangue territorios nos reinos de Castela e Portugal.

“Este documento asinado en Tui polo rei Fernando II e a súa esposa, a raíña Urraca, VIII Kalendas Aprilis Era M CC VIII (24 de marzo de 1170) determina a ampliación da superficie da cidade”

Este documento está conservado no Arquivo da catedral de Tui que permitiu a súa reprodución facsímile que o Concello de Tui encargou á Editorial Siloé o pasado mes de setembro. Esta empresa ten recibido innumerables premios polas súas edicións facsimilares e conta cunha acreditada traxectoria con numerosos recoñecementos nacionais e internacionais.

Con esta actividade o Concello de Tui súmase á celebración da “Semana Internacional dos Arquivos” que neste ano 2002 xira en torno ao lema #SomosArchivo. O obxectivo desta campaña promovida polo Consello Internacional de Arquivos (ICA) é convidar aos profesionais e á cidadanía a reflexionar sobre a xestión dos documentos e o que os arquivos recollen a historia e as historias.

Amais con motivo desta celebración o Arquivo Municipal de Tui organiza unha visita guiada as súas dependencias este venres, 10 de xuño, ás 12.00 horas. As persoas interesadas deben realizar unha inscrición previa no correo: arquivo@tui.gal pois o número de prazas é limitado.

2.713 turistas en maio
O número de visitantes rexistrados na Oficina Municipal de Turismo durante o mes de maio foi 2.713, dos que 1.209 foron peregrinos (607 de procedencia internacional e 602 nacionais) e 1.504 turistas (1.216 nacionais e 288 de procedencia internacional). En total, o número foi algo inferior ao mes de abril, mes de Semana Santa no que hai un maior número de visitas.

O desglose do datos estatísticos permite comprobar como os 602 peregrinos españois procedían maioritariamente da Comunidade de Madrid (236), e a moita distancia da propia provincia de Pontevedra (67), seguindo por Valencia (34), Barcelona (42), Cádiz (32), Sevilla (26), Las Palmas (20) …

Pola súa banda os 607 peregrinos de procedencia internacional atendidos na Oficina de Turismo tudense tiñan como orixe, en primeiro lugar, Alemaña con 196 peregrinos, seguidos por EEUU (79), Italia (74), Portugal (50) Reino Unido (43), Países Baixos (27), Brasil (19)…

No que atinxe aos turistas, dos 1.216 turista atendidos, 224 eran visitantes da propia provincia de Pontevedra, seguidos por turistas chegados dende Madrid (127), Baleares (115), A Coruña (93), Palencia (93) ou Biscaia (41)… Pola súa banda os 288 turistas internacionais que consultaron información na Oficina de Turismo eran oriúndos maioritariamente de Portugal (86) pero tamén de nacións mais distantes xeograficamente coma Países Baixos (58), Francia (27), Arxentina (26), EEUU (16), Alemaña (12) ou Canadá (10).

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes datos estatísticos, que recollen unicamente os datos de atención ao público da Oficina Municipal de Turismo, posúen un alto valor estimativo por canto reflicten o dinamismo do sector turístico tudense, que contribúe ao desenvolvemento socio-económico da cidade. Para Enrique Cabaleiro este continuo incremento de visitantes e peregrinos é unha oportunidade para mellorar a calidade da oferta turística de Tui e traballar conxuntamente, o sector privado e as administracións públicas, para acadar unha alta satisfacción pola hospitalidade e os produtos ofertados aos nosos visitantes que favoreza o posicionamento da nosa cidade no ámbito turístico.

Outros artigos