Concello de Tui aclara o motivo da suspensión do concerto do Día das Letras Galegas

Que debía realizarse o pasado 21 de maio

Tui | A Concellería de Cultura do Concello de Tui quere aclarar as circunstancias que rodearon á suspensión o concerto da Banda de Música Popular de Tui e de Lembranzas da Terra de Guillarei, incluído na programación da Feira do Libro Galego, organizada con motivo do Día das Letras Galegas deste ano 2022.

Dende a Concellería de Cultura quérese en primeiro lugar explicar, á cidadanía e ao público que o sábado 21 estaba no Paseo da Corredoira que o Concello de Tui non era o organizador dese concerto, a organización corría a cargo das dúas asociacións mencionadas anteriormente, en colaboración coa concellería de Cultura.

A colaboración por parte deste departamento municipal consistía por unha banda na aportación dunha serie de materiais precisos para a celebración do evento, en concreto, gradas para os grupos, cadeiras para o público e xerador de electricidade. Por outra banda a concellería de Cultura asumiu a realización de todas as xestións administrativas precisas, permisos,… e o Concello realizou unha aportación económica de 5.000€.

Con respecto ao lugar de celebración do concerto dende o primeiro momento tanto a organización – Banda de Música Popular de Tui e Lembranzas da Terra de Guillarei – coma o Concello tiveron claro que o axeitado era celebralo na rúa, acordando conxuntamente coma o lugar axeitado o Paseo da Corredoira.

Tras terse que adiar, debido ás adversas previsión meteorolóxicas, o concerto previsto inicialmente para martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, a nova data elixida para realizar este evento musical, sábado 21, foi escollida polos organizadores, xa que non dispuñan doutra data libre os grupos participantes.

Para a xornada do sábado a Unidade de Observación e Predición Meteorolóxica de Galicia, MeteoGalicia, prognosticaba posibilidade de tormentas e entrada dunha fronte con posibilidade de choivas para ese día, estando os organizadores e o Concello perfectamente informados deste prognostico.

O mesmo sábado, ás 21 h, en conversa coa concelleira de Cultura os organizadores toman a decisión de seguir adiante co concerto, e suspendelo no caso de que a choiva fora a máis. A concelleira de Cultura non tomou esa decisión de forma unilateral en ningún momento. Dende a concellería de Cultura son perfectamente conscientes do traballo e o esforzo realizado polas dúas asociacións organizadoras do concerto, para poder levalo adiante. Amosan amais a súa comprensión coa decepción e frustración xeradas pola suspensión do mesmo, do mesmo xeito que comprenden ao público asistente, que en todo momento amosou o seu apoio, manténdose á espera de poder gozar do espectáculo previsto.

Dende a Concellería de Cultura seguirase a traballar para apoiar, incentivar e dar a coñecer a nosa veciñanza e a outros concellos limítrofes a inmensa riqueza cultural, chea de tradición, que ten o Concello de Tui. Por último amosan dende este departamento a gratitude a Lembranzas da Terra de Guillarei e a Banda de Musica Popular de Tui pola súa iniciativa, polo labor que realizan e polo seu esforzo a prol da cultura, e por confiar en nos para que todos xuntos fagamos cultura.