O concello de Salvaterra de Miño convoca o concurso de slogans contra a violencia de xénero

Salvaterra | A Liberdade non ten propiedade!, o slogan gañador do ano 2016 e que foi o lema na campaña de concienciación que realizou o Concello de Salvaterra de Miño entre os nenos e nenas do IES Salvaterra.

O Concello de Salvaterra, a través do seu Programa de Educación e Intervención Familiar, convoca un ano mais un concurso de lemas ou slogans para alumnos do IES de Salvaterra, co fin de mellorar a convivencia en sociedade transmitindo valores como a igualdade, a tolerancia, a non violencia e desmitificando estereotipos, aspectos todos eles que adoitan atoparse na base da violencia machista.

O concurso de slogans busca frases que traten de transmitir un mensaxe e un posicionamento claro de non aos malos tratos . Dentro das iniciativas desta campaña de sensibilización social, preténdese reunir material para facer posteriormente unha campaña de difusión e publicidade dalgúns dos recursos que existen para abordar este problema.

O proxecto consistirá en confeccionar uns marcadores de páxinas onde vaia o lema ou slogan gañador do concurso e algúns números de teléfono e enderezos a onde se dirixir en caso de coñecer ou ser víctima dunha situación de malos tratos. Esta iniciativa constitúe un reforzo a esta campaña de sensibilización. Ademais de ser un soporte atractivo, informativo e moi útil ten unha utilidade porque fai perdurar non tempo a mensaxe, a través a difusión entre os máis novos.

Con esta actividade de carácter educativo e preventivo búscase erradicar a violencia machista promovendo un cambio de mentalidade que contribúa a desmitificar estereotipos sexistas e transmitindo outros valores.