Concello de Ponteareas presentou os Orzamentos 2022

Valorados en case 19 millóns de euros, destacando investimentos e servizos públicos

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila compareceu xunto ao concelleiro de Facenda, Pancho Alonso, e á segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, para presentar o orzamento do Concello para o ano 2022, que alcanza unha cifra próxima aos 19 millóns de euros.

“Estes orzamentos permitirán consolidar os grandes proxectos e investimentos polos que a veciñanza levaba anos agardando e que puxemos en marcha para lograr a transformación de Ponteareas tras o grande esforzo realizado para sanear economicamente o Concello”, afirmou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Así mesmo, o orzamento consolida o reforzo dos servizos públicos. Dos case 19 millóns de euros, o executivo destaca as partidas destinadas ás políticas de benestar social, que superan os 3 millóns de euros, para atender prioridades como os servizos sociais, a residencia de maiores, a axuda no fogar ou a escola infantil entre outras. Outra das partidas de gasto corrente máis relevante é o servizo de limpeza viaria, recollida do lixo e tratamento deste, que supera os 1,8 millóns de euros.

Tamén relevantes son as partidas destinadas a educación e cultura, que suman 2,2 millóns a investir en centros educativos, biblioteca, actividades festivas e culturais e no Conservatorio, a pesar de non ser esta unha competencia municipal. “En total, destinamos case dous millóns de euros a atender competencias impropias, é dicir, a pagar servizos que son competencia da Xunta e que esta non paga”, sinalou o concelleiro de Facenda, Pancho Alonso.

En total, o orzamento contempla 3,7 millóns de euros para investimentos no centro urbano e as parroquias. A segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, salientou que “son uns orzamentos que apostan polo desenvolvemento do rural e que tamén teñen en conta as necesidades da poboación en canto a emprego e formación, fundamental para mellorar a inserción laboral de veciñanza”.

Tras o ditame favorable da Comisión de Facenda, os Orzamentos de 2022 serán debatidos na sesión plenaria do vindeiro martes.

A alcaldesa destacou que estes orzamentos consolidan a “normalidade” no desenvolvemento económico do Concello, ao continuar na liña de presentar un orzamento cada ano e deixar atrás a época escura na que Ponteareas non contaba con este documento fundamental.

“Ter orzamentos permitiranos atender con solvencia todos os servizos básicos e acometer novos investimentos pero sen pór en risco a situación económica do Concello”, concluíu Fernández Davila.