Concello de Ponteareas investirá 680.000€ na limpeza de centros educativos

Son os casos dos CEIP Fermín Bouza Brey, Nosa Sra dos Remedios e Mestre Ramiro Sabell Mosquera

Ponteareas | O Concello de Ponteareas mantén o seu compromiso cos centros educativos da vila. O Goberno municipal acaba de sacar a licitación o servizo de limpeza, desinfección e retirada e depósitos de residuos dos CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Nosa Sra dos Remedios e CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera, dependentes do Concello ponteareán.

Co obxectivo de promover o emprego de persoas con discapacidade e a integración sociolaboral de persoas en risco de exclusión social, a alcaldesa lembra que o servizo de limpeza do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera resérvase a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción laboral que conten cos correspondentes certificados.

“Dende o Concello continuamos aunando esforzos para mellorar día a día as instalacións dos nosos centros escolares, facendo importantes investimentos no mantemento dunhas instalacións que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia”, como salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, que xestiona dende Alcaldía áreas como a de Educación. Só o curso pasado o Concello destinou máis de 700.000 euros aos centros escolares da vila entre persoal, limpeza, servizos, mantemento e reparacións.

En canto ao novo contrato de limpeza, o Concello destinará máis de 680.000 euros para un servizo que se prestará dez meses ao ano durante os vindeiros dous anos con posibilidade de realizar unha prórroga por dous anos máis. O contrato contempla a realización dun total de 1.260 horas ao mes destes traballos de limpeza en todas as instalacións dos tres centros educativos, así como zonas de acceso, patios interiores, zonas cubertas transitables e calquera espazo aberto. As empresas ou entidades interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 16 de xaneiro.