Concello de Ponteareas e praceiros comproban os avances de Mercatea

Iniciada a fase de licitación dos postos

Ponteareas | O Concello comproba o bo ritmo do proceso de transformación da nova Praza de Abastos, Mercatea, durante unha visita que realizou o goberno municipal xunto aos praceiros e as praceiras, e profesionais da hostalería e do comercio á antiga fábrica de Aceros del Tea.

Toda vez que finalizaron as obras de consolidación estrutural do edificio, iníciase agora unha nova fase na que se licitarán os pregos da redacción do proxecto para dotar ao espazo de uso de mercado municipal.

Esta xuntanza supón un paso máis no proceso consensuado que levou a cabo o Concello para a transformación de Aceros del Tea en Mercatea co obxectivo de que os vendedores e as vendedoras resolvan as súas dúbidas e realicen as súas achegas. Neste sentido, o goberno municipal lembra que non terán ningún tipo de prexuízo económico nin de calquera outra característica co cambio de localización posto que “será un espazo moderno, á altura das necesidades do sector así como da veciñanza”.

Mercatea unirá nun mesmo lugar as compras coa gastronomía. O espazo contará, por unha banda, con postos de venda de produtos locais e frescos e, por outra banda, con zonas dedicadas á restauración. Deste xeito, o Concello converte a antiga fábrica de Aceros del Tea nun lugar no que se incentivará o consumo local á vez que se favorece a interacción social.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.