Concello de Ponteareas crea unidades de desbroces e de mantemento

Para os colexios e edificios municipais

Ponteareas | O Concello reforza os servizos municipais mediante a creación de novos postos de traballo. Para iso, o goberno municipal levou ao pleno municipal a modificación da Relación de Postos de Traballo que permitirá crear unha unidade propia de desbroces con actividade durante todo ano sen necesidade de depender de empresas externas e unha brigada de intervención rápida para o mantemento dos colexios públicos e edificios municipais.

Deste xeito, aumentarase o número de persoal laboral do departamento de medio ambiente con catro postos. Realizarán labores de desbroces, xestión da biomasa forestal, a reparación e mantemento de zonas verdes así como tarefas de conservación dos elementos públicos como poden ser fontes ou xardíns.

Ademais, co obxectivo de responder dunha xeito máis áxil ás necesidades dos centros educativos da vila crearase unha brigada de intervención rápida con dous postos de persoal de oficial de primeira e dous postos de peón para atender ao seu mantemento e conservación. Realizaran labores tamén que teñen que ver coa fontanería e a electricidade. Igualmente, crearanse catro postos de persoal de emerxencias para a unidade de extinción de incendios para dar cumprimento ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Municipios.

En canto á administración xeral, crearanse dous novos postos de funcionario para reforzar o departamento de contratación con persoal técnico por mor do gran volume de licitacións que son necesarias acometer para mellorar os reparos na área económica da administración local. Crearase tamén un posto de persoal funcionario para o departamento de recursos humanos para implantar novas fórmulas organizativas e tecnolóxicas para a mellorar os procesos de selección.

O edil de Persoal, Francisco Represas, apunta que “no último ano o Concello gastou máis de 300.000 euros na contratación de empresas externas para realizar traballos de mantemento e conservación e seguindo os criterios do fomento do emprego público e a eficiencia na prestación do servizo, creamos estes novos postos de traballo que responden ás necesidades do noso municipio”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, indicou que “coa unidade propia de desbroces e a brigada de mantemento dos edificios municipais apostamos por ofrecer uns servizos municipais de calidade. Con persoal propio do Concello, responderemos dun xeito máis áxil ás necesidades da vila”.

A proposta do goberno municipal liderado por Nava Castro acadou a maioría absoluta do pleno. O goberno municipal lamenta que “a oposición vote en contra de que o Concello dispoña de recursos propios e reducir así a dependencia de empresas externas, o fácil é derivar responsabilidades pero nós apostamos pola capacidade de xestión”.

Demanda histórica do persoal de emerxencias
Ademais, o goberno municipal levou ao pleno a proposta que permitirá responder a unha demanda histórica dos traballadores e traballadoras de emerxencias. Trátase do paso definitivo co que se inicia os trámites necesarios ante a Tesourería Xeral da Seguridade Social para que autorice a cotización especial para a aplicación do coeficiente redutor de xubilación.

Este proposta do goberno municipal implica un investimento por parte do Concello de algo máis de 34.000 euros tal e como recolle o informe do departamento de intervención da administración local. Acadou a unanimidade do pleno.

Finalmente, o grupo de goberno levou ao pleno a aprobación do paso definitivo para que a Consellería de Sanidade comece as obras do novo centro de saúde na vila. Saiu a diante con maioría absoluta e sos votos en contra da oposición.