Concello de Ponteareas confía en que o Corpus Christi sexa declarado como Ben de Interese Cultural

Solicitou esta declaración en 2017, 2018 e 2022 sen obter até agora resposta da Xunta

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, manifestou hoxe o seu convencemento de que o vindeiro luns 23 a Xunta de Galicia lle comunicará persoalmente a declaración do Corpus Christi de Ponteareas como Ben de Interese Cultural Inmaterial.

A rexedora local ten concertada unha reunión o vindeiro luns coa directora xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación, á que foi convocada o pasado venres 13 de xaneiro logo de cinco anos agardando a que a Xunta outorgue ao Corpus ponteareán ese recoñecemento.

A alcaldesa lembra que o goberno do BNG-PSOE “solicitou en 2017, en 2018 e en 2022 esa declaración, sen obter ningunha resposta por parte da Xunta, nin positiva nin de requirimento de máis documentación, malia a nosa insistencia e reiteración”.

Fernández Davila salientou que, malia a pouca dilixencia, lentitude e desinterese da Xunta de Galicia, o Corpus de Ponteareas será BIC por méritos propios e porque a nosa maior obra de arte colectivo ten dereito a ese recoñecemento, por enriba de intereses políticos.

A alcaldesa agradeceu o apoio e implicación de colectivos como a asociación de alfombristas e o resto de partidos políticos para conseguir este recoñecemento para unha manifestación artística que nos une a todos e “que veño reclamando diante da Xunta como Alcaldesa que represento a toda a veciñanza sen distincións”.

Cronoloxía da declaración do Corpus como BIC
No ano 2017 o goberno presidido por Xosé Represas entregou en man a solicitude de declaración de BIC á directora xeral de Turismo, Nava Castro, coñecedora da importancia que ten o Corpus para a vila. En febreiro de 2018 se lle remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o expediente con toda a documentación, incluíndo a memoria con material gráfico histórico e imaxes dos principais puntos de interese do Corpus.

En maio de 2020, sen ter noticias sobre o estado da solicitude, o Concello enviou un escrito á Consellaría pedindo información sobre a tramitación do expediente. O Goberno local reiterou en marzo de 2022 a súa solicitude sobre o estado no que se atopaba a petición de declaración de BIC Inmaterial do Corpus de Ponteareas e sobre a documentación precisa para continuar coa tramitación, petición que se repetiu en abril de 2022. Xa en xullo dese mesmo ano, o Concello presentou unha nova solicitude de declaración de BIC Inmaterial ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na que se achegaban de novo todos os documentos de investigación enviados nas ocasións anteriores.

O venres 13 de xaneiro a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Educación convocou para o vindeiro luns 23 á alcaldesa para abordar a declaración como BIC do Corpus.

O PP esixe á Xunta a Declaración BIC do Corpus
O Grupo Municipal de o PP reuniuse cos responsables de Patrimonio da Xunta de Galicia, co fin de coñecer o estado do expediente que ten como obxectivo declarar o Corpus Christi da Vila do Tea, Ben de Interese Cultural (BIC). Os edís populares, Belén Villar e Andrés Sampedro, saíron satisfeitos da reunión xa que se lles confirmou da intención de deixar liquidada esta cuestión nas próximas semanas. “Imos co compromiso da Xunta de Galicia de que nas próximas semanas farase efectiva dita declaración. Unha reivindicación que non se puido materializar antes por problemas de incompatibilidade coa lei que o regula e posteriormente, por defectos no expediente que o bipartito (BNG-PSOE) non daba completado”.

O Grupo Municipal do PP agradece a disposición da administración autonómica que engade esta categoría tras tamén outorgarlle a declaración de Festa de interese Turístico Internacional. “Con esta proclamación de BIC como Patrimonio Inmaterial da nosa Festa do Corpus Christi estamos a protexer esta celebración e dándolle relevancia pola pegada que deixou e deixa ao longo dos anos na nosa sociedade, no noso pobo, Ponteareas. Faise xustiza cunha das reivindicacións que Ponteareas e todas as Asociacións de Alfombristas viñamos reclamando”.