Concello de Ponteareas aproba bonificación dun 95% do ICIO e o IBI

Tamén foron aprobadas para centros culturais, alfombristas e rehabilitación de vivendas

Ponteareas | O pleno do Concello de Ponteareas celebrado onte deu luz verde, por maioría absoluta, a dúas propostas fundamentais que conlevan modificacións significativas nas ordenanzas fiscais do municipio. Trátase da bonificación nun 95% da contía tanto do ICIO, Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras como do IBI, Imposto sobre Bens Inmobles.

A primeira, referente ao ICIO, implica unha serie de bonificacións estratéxicas para fomentar o progreso urbanístico e social na localidade como é o caso da cota para obras realizadas por administracións públicas, o que beneficiará á construción do novo centro de saúde, unha medida crucial para o benestar dos veciños e veciñas.

Ademais, establécese unha bonificación por defecto, é dicir, sen necesidade de levarse a pleno, para as obras realizadas nas instalacións por parte de colectivos sociais, culturais e deportivos, sempre que estean aliñados cos obxectivos das devanditas organizacións.

Outra disposición importante é a bonificación nese 95% para obras en áreas declaradas de rehabilitación integral por parte da Xunta de Galicia ou outras administracións, así como para edificacións con máis de 75 anos de antigüidade. Estes cambios compleméntanse coa equiparación do tipo impositivo ao 4%, aliñándoo así cos estándares da maioría dos concellos provinciais. Esta subida soamente repercute sobre as obras de carácter maior xa que as de pequeno volume non se incrementan.

Pola súa banda, a bonificación no IBI, apunta a excluír desta taxa aos centros sanitarios de titularidade autonómica, fortalecendo así a infraestrutura de saúde. Así mesmo, outórgase esta bonificación de forma automática para centros culturais non municipais, estendendo esta vantaxe pero condicionada á aprobación en pleno aos propietarios que cedan os seus inmobles ás asociacións alfombristas para eventos como o día do Corpus.

Estas propostas, apoiadas por unha maioría absoluta no pleno, reflicten o compromiso do Concello de Ponteareas co desenvolvemento urbano sostible, o estímulo á actividade cultural e o apoio a iniciativas sociais clave.

BNG leva a pleno a situación dos colexios rurais
O Pleno de novembro en Ponteareas, que se celebrará o vindeiro martes 28, debaterá a situación das aulas unitarias do Colexio Rural Agrupado “A Picaraña”.

A iniciativa, presentada polo BNG nos pasados días, fai mención especial á aula da parroquia de Pías, onde o portavoz municipal, Miguel Bouzó, e a deputada no Parlamento Galego, Cristina Fernández, se reuniron coa comunidade educativa. As choivas dos pasados meses empeoraron a situación do seu tellado, o que tal como denunciou a Anpa publicamente, “provoca filtracións de auga no seu interior, sen que o Concello actuase para frear o deterioro”.

O BNG critica que “o goberno local liderado polo PP limitouse a anunciar como unha gran obra que ían ir mover unhas tellas en plena semana de choiva, e finalmente, como era sabido, non resolveron nada porque as inclemencias meteorolóxicas non o permitían”.  O grupo líder da oposición sinalou que o que corresponde é darlle unha solución definitiva, “porque non abonda con reparar un tellado. A Xunta ten que asumir as súas competencias e realizar as obras integrais e de eficiencia enerxética que precisan as escolas do Colexio Rural, rehabilitando as instalacións e dotando ao alumnado de espazos dignos e cómodos”, afirman.

O Bloque lembra que na súa etapa á fronte do Concello investiu máis de 17.500 euros nun proxecto de mellora da eficiencia enerxética e arranxos interiores, cunhas obras orzadas en 270.000 euros. “Acadamos o financiamento do 75% para acometer os traballos, obtendo 200.000 euros, e era necesario que a Xunta cofinanciara o 25% restante por ser obras da súa competencia.

Pero o goberno galego do PP negouse a achegar os 70.000 restantes. Preferiron deixar que se perdesen 200.000 euros porque os conseguira o BNG, e renunciaron a colaborar con Ponteareas en obras necesarias que son da súa competencia. Nin fan nin deixan facer”, censura o Bloque.

Tamén no Parlamento Galego
Por outra banda, a formación liderada por Ana Pontón no Parlamento Galego presentou unha proposta aproveitando a tramitación dos Orzamentos da Xunta para 2024. “Propomos que inclúan unha partida específica para a rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética das aulas rurais, e que poñan fin así á discriminación coa que o goberno do PP na Xunta castiga ao ensino ponteareán”, sinalou a deputada e concelleira do BNG na localidade, Cristina Fernández.