Concello de Ponteareas anunciou que a Xunta asume a plena xestión da Estación de Autobuses

Tras case 11 anos de retraso

Ponteareas | Tras 11 anos de retraso, a Xunta de Galicia asumiu o pasado día 1 de maio a plena administración da Estación de Autobuses de Ponteareas tras un mes de xestións de traspaso entre o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, e representantes da Consellaría de Mobilidade da Xunta de Galicia.

O goberno local lembra que hai 11 anos, o 31 de xullo de 2011, venceu o contrato de explotación en virtude do cal o Concello xestionaba a estación dende 1991. O daquela alcalde, Salvador González, comunicou á Xunta que o Concello non quería continuar coa explotación da Estación porque lle supuña un déficit anual de máis de 40.000 euros.

A Xunta comprometeuse entón a dar unha solución antes de finalizar 2011, pedindo ao alcalde González Solla “a colaboración dese Concello para que siga garantindo a xestión dos servizos na estación”. Dende entón sucedéronse diversos intentos por parte da Xunta de adxudicar a explotación, o que non logrou até finais do pasado ano 2021, mantendo o Concello durante case 11 anos a xestión en precario, como colaboración coa administración autonómica, e asumindo as perdas do servizo.

En 2012, o alcalde González Solla solicitou a compensación dos gastos que carrexaba ao Concello esa situación e no 2013 a Xunta atendeu á petición comprometéndose por escrito a “concertar co Concello a compensación económica que corresponda polo déficit económico da explotación que se está a producir nesta situación de prolongación do servizo”.

A recepción por parte da Xunta da Estación pon fin a esta situación “anómala e prexudicial para o Concello de Ponteareas”, segundo sinala Mera.

O goberno local do BNG-PSOE amósase satisfeito por poñer fin a unha carga económica “que non nos correspondía” e agarda que, nesta liña, a Xunta asuma no futuro servizos da súa competencia como a Escola Infantil, a Residencia de Maiores ou o Conservatorio, que conlevan gastos de máis de dous millóns de euros anuais e “que poderíamos destinar a competencias nosas fundamentais como o saneamento e equipamentos municipais”, segundo explica o concelleiro.

O Concello iniciará agora os trámites para fixar definitivamente a débeda contraída pola Xunta co Concello polas perdas asumidas na xestión da Estación, que o ano pasado fora calculada en 150.000 euros, pero que debe ser actualizada. Mera amósase convencido de que “a Xunta cumprirá coa súa palabra e pagará o que nos debe”.

Por último, o goberno municipal mantén a “man tendida” para que a Xunta execute a remodelación de todo o edificio “coa colaboración municipal ofrecida no seu día a cambio de dispoñer da primeira planta do edificio” e mediante fórmulas que conten cos informes favorábeis dos servizos xurídicos e económicos municipais.