Oviedo | O Concello de Oviedo organizou unha homenaxe en memoria de Miguel Ángel Blanco que fora concelleiro en Ermua polo Partido Popular e resultou asasinado por ETA o 13 de xullo de 1997, cando contaba con 29 anos. Asistiron ao acto máis de cen persoas entre civís, militares e políticos, entre estes os membros da corporación municipal integrada por concelleiros do PP, Vox, PSOE e Esquerda Unida.
Alfredo Canteli, alcalde de Oviedo, dixo que o acto “vai por todas as vítimas dunha secuela que tanto dano fixo ao País” en referencia ás 1.451 persoas falecidas a mans dos terroristas.
Manuel Fernández Quevedo, presidente da asociación Galicia en Asturias, deu lectura a un manifesto da Fundación Miguel Ángel Blanco referíndose ao homenaxeado como “símbolo da liberdade e a concordia fronte á barbarie”.
A asociación galega fixo socio de honra a título póstumo ao que fose concelleiro de Ermua. Pola súa banda o Concello dedícalle a Miguel Ángel Blanco a rúa onde se celebrou a homenaxe.
Despois dun minuto de silencio, actuou o quinteto Musicalia pechando a homenaxe coa interpretación de “Amazing Grace”. Miguel Ángel Blanco está enterrado no nicho familiar de Faramontaos (Ourense) desde o ano 2007 e onde tamén se celebraron actos na súa memoria. Nas fotos, Manuel Fernández Quevedo e autoridades asistentes ao acto celebrado en Oviedo.