Concello de Mos emite comunicado de apoio ás empresas en Monte Faquiña

Ante as informacións de marcha da multinacional galega Copo polo aumento do canon nas súas parcelas

Mos | O Concello de Mos, representado pola súa alcaldesa, Nidia Arévalo, emite un comunicado oficial da administración local de total apoio ás empresas de Monte Faquiña e á Plataforma Galega de Afectados de Comunidades de Montes pola posible marcha de Mos e de Galicia da gran empresa Copo que ve multiplicado por 15 o canon das súas parcelas, tendo que pasar de pagar de 40.000 a 800.000 euros anuais.

A rexedora local mosense informou de que se levará ao vindeiro Pleno do Concello unha moción neste senso, de apoio a Copo, e que xa se puxo en contacto esta mañá con todas as administracións supramunicipais para trasladarlles o calado desta situación.

A declaración institucional mosense emitida desde a Alcaldía do Concello de Mos califica esta situación de “alarmante, sangrante e moi grave; ao estar en perigo os 400 empregos dos traballadores e traballadoras que Copo ten contratados nas tres plantas coas que conta no noso municipio”.

“O máis lamentable”, declarou Arévalo, “é que todo isto é consecuencia e producto dunha minoría representada pola directiva da Comunidade de Montes de Tameiga, xa que a fuga de empresas e a perda de emprego non é para nada a vontade nin o desexo da maioría de comuneiros nin dos parroquianos de Tameiga, que queren tortalmente o contrario”.

A ameaza de saída desta localización por parte do Grupo Copo era cuestión de tempo e na misma situación que esta empresa atópanse os titulares de empresas ou fincas privadas que estean dentro dos planos nos que se apoian os comuneiros nas súas reclamacións. Unha situación dramática para a economía, o progreso e o emprego locais.

A rexedora local manifesta sentirse “enormemente preocupada polo futuro das empresas en mans dos comuneiros de Tameiga”. E apoia “con contundencia” aos afectados como Copo xa que considera considera a estratexia da Comunidade de Montes de Tameiga “unha ofensiva clara contra Concello, empresas e veciñanza. Unha tremenda inxustiza que pon en risco centros de empregos dos traballadores das empresas afectadas”.

A Comunidade de Montes en man común de Tameiga impón unhas condicións leoninas para continuar desenvolvendo a súa actividade. No caso de Copo o canon multiplícase por 15 e noutros casos sube ata o 2.000 %.

Nos casos en que as concesións caducan, nin sequera se respectan os acordos tácitos e verbais alcanzados polas empresas co Concello para prorrogalas, e a entidade comunal impón un canon totalmente desorbitado e inasumible, con incrementos que chegan, como se dixo, ata o 2.000%. Así vólvese incerta a situación de propietarios particulares e das compañías demandantes algo que preocupa enormemente á alcaldesa Nidia Arévalo, que volta a reiterar neste novo comunicado o total apoio do Concello de Mos aos empresarios de Monte Faquiña.