Concello da Guarda pide uso responsable da auga ante risco de seca

Solicitou unha subvención de 8.000€ para minimizar as perdas de auga

A Guarda | Estamos diante dunha situación de seca que afecta a toda a península Ibérica da que Galicia non se libra e que pode prolongarse no tempo. No presente ano hidrolóxico, que comezou o 1 de outubro de 2021, as precipitacións estiveron un 40% por debaixo da media histórica. A Xunta anunciou en abril a situación de prealerta hidrolóxica na demarcación hidrográfica Galicia-Costa, demarcación na que se atopa unha parte do concello.

Na Guarda, conscientes da situación de emerxencia por seca que se está producindo a nivel xeral, tomáronse medidas puntuais este verán que se suman as accións que se veñen realizando para optimizar o subministro estes últimos anos. Grazas ás medidas que se teñen tomado, pero sobre todo as políticas de prevención, non foi necesario, ata o momento, producir cortes no subministro.

Como medidas puntuais tomadas este verán: fíxose unha campaña de información e sensibilización no mes de xullo, pecháronse as duchas e lavapés das praias, limitáronse os regos automatizados, realízanse os baldeos e regos manuais con auga non apta para o consumo humano, contrólase o nivel do depósito regulador e o consumo varias veces ao día, e ademais, extremouse a vixilancia de fugas e reparanse de maneira urxente cando se detectan, traballando a brigada municipal en domingos e festivos cando é necesario.

A finais de 2021 redactouse o “Plan de Seca do concello da Guarda” un documento que serve como instrumento de planificación para xestionar os episodios de seca, de tal maneira que se asegure o abastecemento á poboación e se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.

A principios de verán conectáronse dous novos pozos ao depósito regulador, un de pequeno caudal e outro cun caudal importante. Este último necesitou unha obra considerable para a súa conexión que foi posible executar grazas ao financiamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Estes dous pozos incrementan o subministro de auga ao depósito regulador en máis de 350 m3/día. Dende o concello xa se están buscando novos xacementos de auga para estar mellor preparados en futuras crises ou no caso de prolongarse esta seca.

É sabido que un dos puntos débiles das redes de abastecemento de auga son as fugas e perdas de auga. Por iso o concello da Guarda solicitou unha subvención para realizar unha auditoría municipal de abastecemento para minimizar as perdas de auga, subvención concedida por Augas de Galicia cun importe de 8.000 €.

En canto a distribución da auga: na Guarda hai dúas comunidades de auga independentes a parte da rede municipal. A comunidade de usuarios do Castro e a de Camposancos. No primeiro caso a rede de subministro é totalmente independente. No caso de Camposancos, cuxa auga é xestionada pola Entidade Local Menor, hai unha conexión entre a rede municipal e a da Entidade para poder cederlle auga no caso de que o necesite.

No que se refire á procedencia e cantidade de auga que se consume: dende mediados de xullo o consumo medio na rede municipal de auga é de 2450 m3/dia. En plena tempada alta o abastecemento desta auga procede maioritariamente dos pozos de captación do concello, 2100 m3/día de media, pero hai que completar o subministro con auga procedente do Consorcio de Augas do Louro, 350 m3/día de media. O concello da Guarda está recibindo do Consorcio unha media de 550 m3/día, xa que Camposancos ven solicitando unha media de 200 m3/dia. Nesta tempada o concello da Guarda ven subministrando a Camposancos toda a auga que teñen demandado dende a Entidade Local Menor. Respectando a independencia na xestión da auga o obxectivo e evitar que se produzan cortes en todo o termino municipal. Dende todas as administracións, incluído o concello da Guarda, estase pedindo á cidadanía un uso responsable no consumo da auga, petición que se reitera diante das previsións de que esta situación de seca continúe e para evitar futuras restricións.