Concello da Coruña ten avaliación legal para estender liñas de bus até Oleiros, Culleredo e Arteixo

Tras sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)

A Coruña | O Goberno Local ve positiva a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en que considera legal que a liña de autobús urbano 1A traspase o límite municipal da Coruña e chegue até Santa Cristina.

Para a alcaldesa, Inés Rey, o veredicto sintoniza coa idea do Goberno de crear unha rede de transporte metropolitano estendendo as liñas urbanas á primeira coroa metropolitana co fin de mellorar o transporte público e facelo máis eficiente, tal e como llo levan demandando á Xunta desde hai un ano.

Deste xeito, o Goberno presidido por Inés Rey aposta pola prolongación do percorrido do 1A durante todo o ano e non unicamente na tempada estival e pon como exemplo a frutífera colaboración entre os concellos da Coruña, Culleredo e Arteixo que permite que a liña 6 remate o seu itinerario no municipio arteixán e que a 24 realice un servizo nos termos da Zapateira, que pertencen a Culleredo e mais a Arteixo.

Deste xeito, agárdase que con este pronunciamento xudicial non se demoren en autorizar este itinerario que evitaría que moitas/os veciñas/os da Coruña e Oleiros usasen o coche. Ademais, sería unha opción de transporte para se trasladar ás praias da comarca durante o verán, que repercutiría nunha redución da contaminación. O aumento de paradas noutro lado da Pasaxe suporía unha mellora substancial das comunicacións xa que hoxe en día non se pode entender A Coruña sen os seus municipios lindeiros.