Concello da Coruña mellorará a accesibilidade da contorna da Muralla

Con fondos de Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) da Cidade Vella

A Coruña | A alcaldesa da cidade, Inés Rey, anunciou que o Concello impulsará o proxecto para acondicionar e mellorar a accesibilidade do espazo público na contorna da muralla da Coruña, detrás do hospital Abente y Lago, “nun soar onde até o 2014 estaba o edificio de Sanidade Militar, sobre a estrutura da muralla e a súa porta de San Miguel”, apuntou.

O Goberno local mandou a licitación este proxecto, do arquitecto Fermín Blanco, que comprende un parque público e a construción dunha rampla de baixada desde a rúa San Francisco até a muralla. Un tramo da muralla, sinalou a rexedora, que é o mellor conservado e de máis extensión na cidade, chegando a acadar os oito metros de altura nalgúns puntos. Así, explicou, “un pequeno bosque de entrada no espazo servirá de reclamo desde o xardín de San Carlos”.

O novo parque, apuntou, “nace coa vocación de ser un espazo aberto para actividades que se realizarán na Fundación Luis Seoane para as e os máis pequenos e que están relacionadas coa arquitectura e o arte”.

“Esta actuación conta cun orzamento de 219.000 euros dos fondos de Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) da Cidade Vella”

Rey indicou que esta actuación conta cun orzamento de 219.000 euros dos fondos de Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) da Cidade Vella e lembrou que se suma a outras intervencións acometidas no barrio como a Casa de Vedoría, a reurbanización da rúa Nosa Señora do Rosario, as de mellora do Parrote ou as obras previstas na rúa Cortadoría e no xardín de San Carlos.  Recordou que, desde a súa chegada a María Pita, “levamos máis de 2 millóns de euros executados na Cidade Vella e hai previstos máis de 7 millóns de euros en obras neste mandato”.