Concello da Coruña insta á Xunta e Concellos galegos a participar no Fondo COVID

Achegando un 1% dos seus orzamentos 2021

A Coruña | O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, reiterou a necesidade de que Xunta e o resto dos municipios galegos destinen, polo menos, o 1% dos seus orzamentos no 2021 a axudas á hostalaría, comercio, turismo e outros sectores afectados polas restricións derivadas da COVID 19.

O voceiro mostrou a súa sorpresa despois de que o Goberno autonómico se negase a dar o 1% do seu orzamento para axudar ao sector da hostalaría. “A Xunta tomou a decisión de pechar a hostalaría o 7 de novembro, un mes e cinco semanas despois de que este Concello aboara a primeira axuda directa nesta cidade. O indiscutible é que este Concello tomou medidas cando non ten competencias e que reorientou o seu orzamento en máis dun 6% dirixido a axudas aos sectores afectados polos peches e limitacións. O que nos estraña é que a Xunta se negue a poñer o 1% para un fondo común”.

O voceiro do Goberno local sinalou a súa sorpresa sobre o número de axudas publicadas pola Xunta ao sector da hostalaría. “A Xunta chegou a dar a coñecer máis de 1.900 axudas á hostalaría da cidade, cando tan só están rexistrados de 1.852 hostaleiros. “Cifras estrañas: casualmente a Xunta deu máis axudas que hostaleiros hai”, sentenciou Lage.

“A Xunta chegou a dar a coñecer máis de 1.900 axudas á hostalaría da cidade, cando tan só están rexistrados de 1.852 hostaleiros. “Cifras estrañas: casualmente a Xunta deu máis axudas que hostaleiros hai”.

Lembrou que cando o Goberno central decretou o Estado de Alarma, “o primeiro que fixo foi aprobar o pago dos ERTES que garantisen a supervivencia daqueles que coas restricións ían vivir unha situación de cese de actividade laboral. “No peche de novembro que afectou ao sector da hostalaría, a Xunta tomou a medida sen pór na mesa a necesidade de como soster a milleiros de autónomos e pequenos empresarios. Cando teñen competencias e a posibilidade de xestionar estas axudas non toman decisións. O Concello, lembrou, “tomou decisións en xullo”, remarcou.

Por outra banda, o Goberno local licitará este mes as obras de reforma do mercado de Monte Alto. Actuación pendente desde hai dous mandatos e que agora dará un paso decisivo. Así o anunciou durante o pleno o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, que apuntou que a actuación contará cun orzamento de 3,7 millóns de euros e servirá para remodelar non só o mercado municipal, senón toda a praza sobre a que se levanta, así como todos os equipamentos cos que conta, a escola infantil e os locais veciñais, que se recolocarán na planta baixa, con fronte e acceso á rúa Forcarei. “Este equipamento por fin vai adiante”, dixo.

Na sesión de hoxe, o Pleno tamén lle deu luz verde á suspensión cautelar por un ano da tramitación de instrumentos de planeamento, xestión do solo e licenzas no ámbito do polígono dos Rosales e no Ventorrillo. O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, explicou que o Goberno local, no marco da modificación puntual do PXOM da Norma Zonal nº 8 relativa a equipamentos, procederá ao estudo da posible modificación da cualificación urbanística de determinadas parcelas cualificadas como dotacionais no Polígono dos Rosales, así como na contorna do depósito do Ventorrillo cualificado como espazo libre público, co fin de determinar a súa cualificación como pública ou privada, identificando as dotacións urbanísticas existentes de titularidade e/ou uso privado.

O Pleno aprobou unha emenda do PSOE en que o Goberno local, no marco das súas competencias, adoptará as medidas necesarias para a retirada da simboloxía franquista dos lugares públicos, adaptando o rueiro municipal aos criterios da Lei de Memoria Histórica, co estudo previo por parte dunha comisión especializada, de cada unha das actuacións a desenvolver. O edil de Memoria Histórica, Jesús Celemín, destacou que “ninguén se comprometeu tanto pola recuperación da memoria histórica como os socialistas” e rexeitou as iniciativas populistas e oportunistas neste eido.

Doutra banda, tamén aprobou outorgarlles a medalla o Mérito Oficial con distintivo azul ao inspector José Manuel López Vázquez, ao Oficial Ángel Ramón de la Iglesia Romero e aos policías José Luís Iglesias Varela, José Manuel Penas Pérez e Francisco Javier García Mera polo cumprimento dos deberes do seu cargo e a súa conduta exemplar e prolongada no tempo. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, destacou o compromiso do goberno socialista por ter un corpo de Policía Local “á altura da cidade”.

Na sesión de hoxe, o Goberno local anunciou que, a petición da asociación de veciños da Cidade Vella, revisará o uso do aparcadoiro situado detrás do Oceanográfico co fin de trasladar as prazas de residentes habilitadas neste aparcadoiro ao perímetro da Cidade Vella e reservar este espazo para lle dar resposta ás peticións da veciñanza, comerciantes, persoal traballador e usuarias/os dos equipamentos da zona.

Doutra banda, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, asegurou que a vacinación ao persoal do Servizo de Axuda á Domicilio (SAD) é prioritario e así se lle solicitou á Xunta. “É boa noticia que a Xunta se puxera en contacto coa Fegamp para levar a cabo esta vacinación. Nós xa llo comunicamos ás persoas representantes sindicais e agora teñen un prazo para presentaren os datos das e dos traballadores”, dixo. Canto ao novo prego para a licitación do servizo, a concelleira explicou que “temos que mellorar os pregos, irmos a modo para irmos máis lonxe e darmos un mellor servizo”.

“A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, asegurou que a vacinación ao persoal do Servizo de Axuda á Domicilio (SAD) é prioritario e así se lle solicitou á Xunta”

A concelleira de Barrios, Diana Cabanas, explicou os proxectos levados a cabo no barrio de Palavea e os que se proxectan para o futuro. “Hai un proxecto en fase de redacción sobre as futuras instalacións deportivas, un programa de actividade e de lecer xuvenil, un proxecto de recuperación das zonas verdes, a pasarela de Pedralonga e tamén existe o compromiso para un edificio de uso veciñal na Cidade das Tics”, apuntou.

Outros artigos