Concello da Coruña executou obras por valor de 15 millóns de euros durante o 2021

Tres millóns € máis que no exercicio anterior 2020
Dentro do compromiso da alcaldesa Inés Rey coa mellora e rehabilitación de todos os barrios da cidade, durante o 2021, Infraestruturas executou un total de 79 obras nos dez distritos da Coruña.

A Coruña | O Concello da Coruña, impulsou obras na cidade por un valor superior aos 15 millóns de euros, investimento que supera en tres millóns o executado durante o ano 2020, equivalente a 11.355.000 euros.

Dentro do compromiso de Inés Rey coa mellora e rehabilitación de todos os barrios da cidade, durante o 2021, Infraestruturas executou un total de 79 obras nos dez distritos da Coruña, por un importe de 9.555.665,67 euros, coa finalización ou posta en marcha de traballos como as reurbanizacións das rúas Pintor Joaquín Vaamonde, Rafael Bárez, Cultura e Pintor Lloréns; o novo ascensor do barrio dos Castros; a humanización da contorna do mercado de San Agustín; ou as melloras dos accesos peonís que conectan O Birloque con Pocomaco e Matogrande.

Ademais, están en marcha proxectos de peonalización das rúas Compostela, Severo Ochoa e Alcalde Marchesi, por un importe superior aos 3 millóns de euros. Por outra banda, tamén durante o ano pasado, o Concello da Coruña executou, a través do servizo de Edificación, 57 obras por un importe de 5.553.127,04 euros, repartidas entre oito dos dez distritos da cidade.

As intervencións en calzadas e beirarrúas
Durante o ano 2021 renovouse a pavimentación de máis de 30.000 metros cadrados de calzada en máis dunha ducia de vías da cidade, co asfaltado no Parrote e Durmideiras, rúas como Panadeiras, Mestranza, Modesta Goicuría, Gambrinus, Severo Ochoa e Gutenberg.

Acometeuse tamén a renovación de máis de 10.000 metros cadrados de áreas peonís na zona norte da cidade, intervindo en nove rúas e prazas da Coruña onde aumentaron os espazos para a cidadanía, dotándoos de melloras no mobiliario urbano e incrementando o arboredo e zonas verdes.

Destacaron, polo ámbito de intervención, as obras executadas nas rúas Costa da Unión, Parque, Alfonso VI, Santa Cecilia e Cabana.

Ademais, renováronse máis de 8.000 metros cadrados de áreas peonís, intervindo en oito rúas e prazas. Destacaron, entre elas, as obras executadas nas rúas Gramela, Aguillón e Pedralonga.

Máis de 200 novas árbores nos espazos reurbanizados
No ano 2021, o Concello da Coruña, plantou 200 novas árbores por distintos puntos da cidade que foron sometidos a traballos de mellora e reurbanización, sumando, ademais, novas zonas verdes e xardíns co obxectivo de naturalizar as zonas urbanas da cidade.