Concello da Coruña e a UDC rebaixan nun 60% o prezo do bus

Beneficiará a case 12.000 universitarios

A Coruña | A colaboración entre o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña permitirá que desde o vindeiro 3 de outubro, e por primeira vez na historia da institución educativa, a práctica totalidade dos seus e das súas estudantes gocen dunha bonificación para o transporte público que reducirá o prezo da viaxe en bus un 60 % sobre a tarifa en vigor.

Os estudantes da UDC que se despracen ate os campus de Elviña, A Zapateira e Oza, empregando as liñas universitarias, 24 e 2-A —así como as viaxes de orixe noutras liñas con transbordo a estas—, pagarán 21 céntimos por traxecto, sumándolle a bonificación estatal a todo o transporte público en vigor na Coruña desde o 1 de setembro.

Tamén se prevé, en función da demanda, a inclusión doutras liñas que poidan chegar a Riazor. Así o explicaron esta mañá en comparecencia conxunta a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o reitor da UDC, Julio Abalde, que estiveron acompañados polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, e pola vicereitora da Universidade da Coruña, María José Lombardía.

As bonificacións aplicaranse en virtude dun convenio asinado entre as dúas partes, cunha achega de 250.000 euros por cada unha delas e unha vixencia de dous cursos académicos (2022-23 e 2023-24). “Esta medida que hoxe anunciamos entra dentro da nosa política de favorecer unha mobilidade accesible, segura e saudable. Apostamos polo uso do transporte público entre o alumnado universitario na cidade da Coruña, que na actualidade emprega, en gran medida, Nota de prensa o vehículo propio para os seus desprazamentos aos centros de ensino”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

Desta forma, o Goberno municipal e a UDC universalizan un desconto no transporte universitario que, ata o momento, só era accesible mediante o sistema de bolsas anuais e para uns 1.500 estudantes e que agora chega á práctica totalidade dos matriculados.

A alcaldesa recordou que ademais da bonificación anunciada hoxe, na Coruña aplícanse rebaixas extraordinarias en todas as tarifas do bus urbano desde o pasado 1 de setembro, grazas ao desconto do 30% aprobado polo Goberno municipal con fondos do Estado.

Ese desconto podería chegar ao 50% segundo as bases da convocatoria, coa posible aportación do 20% adicional por parte das comunidades autónomas. “O noso compromiso coa transporte público queda claro, e gustaríanos que a Xunta de Galicia tivese a mesma implicación e colaborase na súa subvención, para que os descontos fosen aínda maiores”, detallou a rexedora, quen recordou que o Concello solicitou á Xunta en agosto a colaboración para abaratar o transporte urbano sin obter resposta á súa demanda.

A aplicación da bonificación
A estimación do Goberno municipal e a Universidade da Coruña é que esta medida beneficiará a preto de 12.000 estudantes matriculados e matriculadas na UDC. Os estudantes que hoxe pagan 52 céntimos por viaxe pasarán a pagar 21 céntimos desde outubro.

Para acceder a esta nova bonificación, froito da colaboración entre o Concello da Coruña e a UDC, os estudantes que xa teñen a tarxeta Millenium terán que acudir a un caixeiro da entidade bancaria Abanca para activar o perfil universitario, paso tras o cal xa poderán contar, ao día seguinte da activación, co desconto en cuestión.

Porén, os estudantes que non dispoñan aínda da tarxeta Millenium deberán solicitala nos cauces habituais (rexistros municipais; Centro Sociocultural Ágora; Oficina de Atención Municipal da Estación de Autobuses) para, posteriormente, activar tamén o seu perfil universitario. Ademais, proximamente, estará dispoñible a app da tarxeta Millenium para todas aquelas persoas que desexen dispoñer das súas vantaxes por vía dixital.