Concello da Coruña avanza no desbloqueo do tren da Lagosteira e a débeda do Porto

A Autoridade Portuaria coruñesa terá unha moratoria no pago da súa débeda até 2035

A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebrou a consecución dos primeiros pasos necesarios para desbloquear o tren a Langosteira e a débeda do Porto. As persoas representantes das seis administracións e organismos públicos implicados no plan para a construción do porto exterior e na reordenación da fachada marítima asistiron hoxe en María Pita á reunión convocada por Inés Rey.

Trátase do primeiro encontro en 18 anos de todos os actores vencellados ao proxecto, unha reunión en que a alcaldesa acadou o compromiso do secretario do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Sergio Vázquez Torrón; do director de Puertos del Estado, Francisco Toledo; da presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera; da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez; do presidente da Diputación, Valentín González Formoso; e do presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, de colaboraren para acadar un gran pacto que garanta a construción do enlace ferroviario a Langosteira, a reordenación da fachada marítima respondendo aos intereses públicos e o alivio da débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria.

Tras finalizar a reunión, a alcaldesa destacou os acordos alcanzados que lles permitirán traballar nun proxecto de cidade bloqueado desde hai máis dunha década.

Inés Rey anunciou o compromiso do Estado sobre a captación de fondos europeos para a conexión ferroviaria a Punta Langosteira, unha vez se valide o informe de viabilidade económica enviado pola Autoridade Portuaria a Puertos del Estado o pasado venres. Ademais, a rexedora anunciou tamén a prórroga da Declaración Impacto Ambiental do proxecto ferroviario, que seguirá vixente dous anos máis para facilitar a licitación da conexión en tren.

Rey tamén avanzou a moratoria até o 2035 para o pago por parte da Autoridade Portuaria da débeda de 200 millóns de euros contraída por dito organismo con Puertos del Estado para a construción de Langosteira. As xestións levadas a cabo permitirán o alivio da situación financeira do organismo que xestiona o porto coruñés, e que afrontaba graves problemas de liquidez vencellados ao pago dese crédito.

A mesa de diálogo convocada por Inés Rey facilitou tamén un acordo unánime para a constitución dunha comisión de traballo, que deberá estar operativa nun prazo dun mes, e que deberá presentar en seis meses un novo protocolo de traballo que permita substituír os convenios asinados no 2004, convenios que tiñan bloqueado o desenvolvemento das actuacións pendentes e que, explicou a alcaldesa, “xa non son aplicables en todos os puntos”. “Nunha data tan significada onde máis que nunca hai que poñer en valor a forza da política e a súa capacidade transformadora para mellorarmos a vida da xente. É máis necesario que nunca facer política con maiúsculas e superar as diferenzas entre administracións para sermos capaces de chegar a acordos”.

Rey agradeceu persoalmente a presenza en María Pita de cada unha/un das/dos representantes das Administracións que acudiron á súa chamada, e aplaudiu o compromiso de abrir á cidadanía os peiraos “de forma progresiva e coas mellores garantías, sen afectación aos sectores produtivos, especialmente, á actividade pesqueira”.

“Desde o ano 2004 non se sentaban as administracións para falaren e chegaren a acordos sobre o futuro do Porto e da cidade. Unha situación que levaba en punto morto desde entón. Temos a obriga de convertermos o Porto na grande oportunidade que é para o desenvolvemento da economía, para a mellora da calidade urbana e para o futuro da cidade”, asegurou Inés Rey.