Concello da Coruña acordará cos grupos políticos as subvencións ás entidades

Ata o momento, aprobáronse unhas 2.464 axudas, o 79% do total

A Coruña | O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, anunciou hoxe durante o Pleno que a próxima semana convocará a todos os grupos políticos para acordar un modificativo para poder aprobar o anexo de convenios das subvencións nominativas destinadas ás entidades sociais da cidade. Ademais, subliñou, máis unha vez, a vontade de diálogo do Goberno para sacar adiante o novo Plan de Recuperación Económica e Social, PRESCO, co apoio dos grupos e escoitando os sectores máis afectados pola pandemia.

Lage informou de que o Goberno local leva aprobadas a día de hoxe 2.464 axudas, o que supón un importe de 5.394.873 euros, e que foron transferidas xa 1.946 solicitudes, un 79% do total. “Gustaríanos ir máis rápido e que a tramitación for máis áxil pero o que é indiscutible é que o Concello da Coruña foi a primeira Administración que tomou decisións e que puxo recursos sobre a mesa para paliar a crise sanitaria provocada pola pandemia”, manifestou.

Lembroulle ao grupo da Marea Atlántica que o Goberno local convocou o sector da hostalaría e do comercio para escoitar as súas propostas e demandas de cara á elaboración do novo Plan de reactivación económica e social e manifestou a vontade da alcaldesa, Inés Rey, de seguir estando preto dos sectores que máis están sufrindo a as consecuencias da pandemia.

Canto á prórroga dos orzamentos para este ano, o voceiro socialista asegurou que o Goberno de Inés Rey segue coa a súa política de traballar man a man para lograr acordos con todas as forzas políticas. ”O orzamento para o 2021 vai superar os 300 millóns de euros; do que se trata é de unírmonos e traballarmos de maneira conxunta”, indicou.

Tamén anunciou que o contrato para o servizo de bibliotecas municipais vaise licitar este mes por un prazo de dous anos máis outro prorrogable e un importe de 2,6 millóns de euros. Segundo o voceiro do Goberno local, o novo contrato suporá unha mellora evidente na unificación da rede e tamén unha aposta pola modernización do servizo coa creación dunha biblioteca dixital acorde cos tempos actuais. “O compromiso deste goberno está vixente e proba disto é que se regularizará este servizo, que levaba sen contrato desde xaneiro de 2019 e sen unha solución que lle der un marco estable”.

Doutra banda, no debate dunha moción sobre a autonomía financeira de Galicia, o voceiro socialista recordoulle ao Grupo Municipal do Partido Popular que o Goberno local defende, como non podía ser doutra maneira, a autonomía financeira da comunidade galega e o seu dereito civil. “Os socialistas galegos demos probas non só do respecto, senón tamén da defensa da autonomía galega; por iso escoitar o PP pedíndolle ao Goberno de España que respecte a autonomía financeira galega e a normativa tributaria que a Constitución e o Estatuto de Autonomía lle recoñecen a Galicia e ao resto das comunidades pode soar un pouco a chiste”. Sinalou que ao Goberno local preocúpalle todo o que ten que ver co dereito civil de Galicia pero “non aceptamos leccións do grupo popular sobre a autonomía, a autonomía financeira ou a propia Constitución”.

Tamén o sorprendeu o feito de que sexa o PP o que pida que se traslade o marco do consello de política fiscal e financeira, xa que “dependendo o ano ou do mes, uns días por un lado falan da posible ruptura de España e outros están preocupados pola harmonización fiscal”. “Os socialistas estamos orgullosos da Constitución; a Constitución é unhas das cousas máis positivas que lle aconteceron a España nos últimos 45 anos, que posibilitou a convivencia e o desenvolvemento económico e social”. E lembroulles que “grazas á política fiscal da Xunta, Galicia pode presumir de ter os combustibles máis caros de toda España e foi o Goberno local de Inés Rey o que, baixo o imposto de herdanzas, acabou cunha situación inxusta”.

Tamén se leu no Pleno unha declaración institucional de todos os grupos do Concello en defensa da Cultura, en que se manifesta o compromiso do Concello de constituír unha mesa de traballo que elabore un Plan de Cultura para a cidade e destinar os recursos económicos necesarios para actividade cultural e de espectáculos.

Por outra banda, o Goberno Local comprometeuse máis unha vez a demandar solucións ante as distintas administracións. “A nosa alcaldesa mediou ante Industria e solicitoulle á Xunta medidas que aínda hoxe non chegaron. O Concello vai seguir pelexando para manter activa Alu Ibérica e salvagardar os postos de traballo”, asegurou o edil de Industria e Emprego, Jesús Celemín.

A moción da concelleira non adscrita sobre a proliferación das salas de apostas contou co voto a favor do grupo do Goberno e do BNG. O voceiro socialista, José Manuel Lage, lembrou que A Coruña é o un dos concellos coas taxas máis altas para a concesión de licenzas para abrir este tipo de establecementos, co fin de acoutar unha actividade que se converteu nun grave problema de carácter social. Ademais, indicou que o Concello pechara as salas de apostas situadas en instalacións municipais e leva a cabo distintas campañas para combater a ludomanía, en especial entre a mocidade.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!