“Con 48 millóns de euros, o Baixo Miño ten os maiores investimentos da súa historia”

Carmela Silva fixo balance da "transformación da comarca" durante a súa xestión
Carmela Silva asegurou que, con 48 millóns de euros, o Baixo Miño ten os maiores investimentos da súa historia grazas á Deputación de Pontevedra.

Tui | A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, realizou durante un almorzo informativo celebrado no Parador de Tui un balance da súa xestión que desde 2015 mantén ao fronte desta administración provincial, en materia de investimentos para a comarca do Baixo Miño.

“Con 48 millóns de euros, o Baixo Miño ten os maiores investimentos da súa historia grazas á Deputación de Pontevedra”, enfatizou Silva, recoñecendo tamén o labor “do goberno central de Pedro Sánchez” en materia de ingresos pola vía de impostos que permitiron fortalecer estes investimentos.

Toda vez, Silva considerou que esta aposta por “un cambio radical e transformador” permite tamén á Deputación de Pontevedra “ser unha referencia a nivel de España”, destacando os investimentos en diversas materias como fomento da igualdade de xénero, valorización do patrimonio histórico e cultural, turismo, infraestruturas, servizos sociais, impulso da Axenda 2030, deportes, mobilidade sostible, emprego, emprendemento e promoción dos selos de calidade “nos que a provincia de Pontevedra é líder a nivel español, con 900.000 selos”.

Durante o almorzo informativo, Carmela Silva repasou todos os proxectos desenvolvidos na comarca do Baixo Miño, que abrangue os Concellos de Tui, A Guarda, Tomiño, O Rosal e Oia. Salientou o peso do Plan Concellos, que “é o Plan Estrela” con “287 obras e case 25 millóns de euros” en investimentos. Tamén informou da recepción de fondos europeos “por valor de case 5 millóns de euros” e garantiu a continuidade de investimentos para a provincia a través dos fondos Next Generation.

Co horizonte 2022, Silva asegurou a continuidade e ampliación destes investimentos xa que “os Concellos da provincia de Pontevedra terán acceso a todo o Plan Concellos 2022 pero tamén á Liña 1 do Plan 2021”. En total “serán 73 millóns de euros en investimentos”.

Con Tui e o río Miño ao fondo, Carmela Silva asegurou que os investimentos para o Baixo Miño “son históricos e transformadores”.

Considerou que a “Deputación de Pontevedra é unha administración moi valente” por apostar por estes investimentos ante o que considerou como a “ausencia da Xunta de Galicia”, que preserva “un modelo caciquil e clientelar”, toda vez o seu goberno aposta “por un modelo transformador, democrático”, sen reparar nas formacións políticas que gobernan nos Concellos, a diferenza “do facía o PP cando Rafael Louzán estaba ao fronte da Deputación”.

“A Deputación de Pontevedra é unha administración moi valente por apostar por estes investimentos ante o que considerou como a ‘ausencia da Xunta de Galicia”

Silva informou tamén que “cando asumín a Deputación en 2015, a débeda era de 41 millóns de euros. Hoxe é cero débeda”.

En materia de cooperación transfronteiriza, Carmela Silva salientou igualmente o labor da AECT Río Miño “como gran referencia incluso a nivel europeo”, apostando polo mesmo “como elemento de transformación deste territorio” que abrangue Galicia e o Norte de Portugal.

En materia de axudas COVID, Silva recoñeceu a excepcionalidade motivada pola pandemia que “obrigou á reestruturación no funcionamento da administración provincial”. Informou da partida de axuda extraordinaria pola COVID avaliada en 244.000 euros para servizos sociais, hostalería, comercio, centros de día, emprego e asistencia social.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.