A Comunidade de Montes de Ponteareas planta 400 frondosas na Picaraña

Máis de cen persoas achegáronse ao monte para colaborar na actividade

Ponteareas | O Día da Árbore celebrouse o pasado sábado 24 de febreiro e consistiu en levar a cabo o “Proxecto Árbore: unha árbore , unha vida” patrocinado pola Clínica Alsana, que pretendía plantar unha árbore por cada día do ano. E así foi.

Despois da vaga de lumes do pasado mes de outubro, era necesario recuperar as áreas queimadas, polo que esta empresa contactou coa directiva do monte comunal para saber se había terreos dispoñibles para a plantación. Dende a comunidade de montes acolleuse esta idea con ilusión e se prepararon os buratos. Plantáronse diversas especies, todas elas frondosas, pola súa contribución na loita contra os lumes. Carballos, cerdeiras, castiñeiros e bidueiros mudaron a paisaxe na entrada das Chans e pronto conformaran unha nova área de espallamento para os ponteareáns.
Na xornada do sábado máis de cen adultos e moitísimos rapaces e rapazas, achegáronse para participar nesta celebración. Había comuneiros de Ponteareas, de Arcos, clientes e traballadores da Clínica Alsana, nenos e nenas membros dos Scouts , voluntarios e moitos outros asistentes que se enteraron a través das redes sociais. A xornada foi un éxito e rematou cunha merenda para os asistentes na mesma área das Chans.

A Comunidade de Montes de Ponteareas vai asinar un convenio co concello de Ponteareas e coa Deputación de Pontevedra cuxo obxectivo é a creación dun parque forestal. Neste proxecto tamén están as comunidades de montes de Arcos e Bugarín. O que se pretende é potenciar e poñer en valor os recursos paisaxísticos e naturais desta área que abrangue 218 Ha. ao mesmo tempo que se ofreza resistencia aos posibles lumes creando franxas de protección con plantación de frondosas e eliminación de acacia. Tamén se van arranxar fontes, crear roteiros novos, recuperar toponimia, restaurar o erbedal, mellorar as pistas de bicicletas, ou sinalizar lugares de interese entre outras actuacións. A Picaraña é un referente para a veciñanza que goza deste espazo natural de varios xeitos: practicando deporte, paseando polos roteiros ou observando a paisaxe. A execución deste parque forestal non será impedimento para que as comunidades de montes implicadas sigan dirixindo o seu terreo forestal e poidan levar a cabo as actuacións contempladas no seu Plan Técnico.

Dende o monte comunal de Ponteareas lévanse a cabo varias accións de defensa contra o lume como a organización de quendas de vixilancia nos meses de verán, xunto coa comunidade de montes de Arcos, a plantación de frondosas, a eliminación de acacias e eucaliptos ou a limpeza de diversas áreas do monte. Tamén se fan charlas sobre medio ambiente e cursos de poda, e se organizan xornadas de retirada de lixo e poda de árbores.

Pero non so os comuneiros coidan da Picaraña. O pasado xoves, 100 alumnos e alumnas do colexio “La Inmaculada” plantaron 45 frondosas nunha área queimada do monte comunal, actividade enmarcada nun proxecto medioambiental que elaboran cada ano. Dende este centro escolar se están facendo plantacións de frondosas nas Chans dende o ano 2005.