Comunidade de Montes de Atios acusa ao alcalde do Porriño de “autoritarismo”

Tras recorrer a sentenza xudicial que ratifica a titularidade comunal das súas canteiras

O Porriño | A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Atios emitiu o seguinte comunicado co respecto á actuación do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo co respecto a presentar recurso contra a sentenza da Audiencia Provincial que ratifica a titularidade comunal das canteiras de Atios.

“Nun acto de INDIGNIDADE DEMOCRÁTICA E AUTORITARISMO que había tempo non se recordaba no concello do Porriño, o alcalde Alejandro Lorenzo decidiu incumprir o mandato da soberanía popular e presentar recurso contra a sentenza da Audiencia Provincial que ratifica a titularidade comunal das canteiras de Atios. Fíxoo onte a tarde, apenas unhas horas antes de rematar o prazo. O goberno local do PP despreza a vontade maioritaria do pleno, que por dúas veces votou en contra do recurso. Iso terá consecuencias.

Reiteramos o agradecemento aos grupos do PSOE, BNG, EU-SON, UDDL, Non Adscrita, e criticamos a decisión do Partido Popular. Porque o alcalde ACTÚA LEVADO POR UN ÁNIMO DE VINGANZA cara a comunidade de montes de Atios, fai un ATAQUE DIRECTO AOS VECIÑOS da parroquia, un INSULTO O SEU DEREITO HISTÓRICO SOBRE AS CANTEIRAS, que foi avalado por ata dúas sentenzas xudiciais.

Escudarse nun informe do secretario municipal ou do asesor xurídico do concello é unha excusa moi pobre e falsa, porque O CONCELLO XA SE DEFENDEU E PERDEU! Convocar un pleno extraordinario cando xa tiña a decisión tomada non é máis que unha proba da súa calaña política. Actúa con MENTIRAS E COBARDÍA.

É especialmente REPROBABLE A ACTITUDE DO CONCELLEIRO DE ATIOS DO PP, Ramón Porto. Era o momento de estar a altura dos veciños que o votaron, pero antepuxo a disciplina de partido sobre a defensa dos dereitos da parroquia na que vive. Unha actitude inxustificable por canto é comuneiro e coñece a loita que durante moitos anos leva facendo a comunidade de montes par ser dona dos seus recursos.

AS CANTEIRAS SON MONTE VECIÑAL DENDE TEMPO INMEMORIAL e un veciño de Atios debe defender iso, sexa onde sexa. Hai un precedente dun concelleiro de Atios do PP, Manuel Giráldez “Potiño”, que votou en contra do seu partido, o PP, nos tempos do alcalde Barros. Sabendo que a votación estaba perdida, o señor Porto, que é comuneiro, puido demostrar de que lado está. A parroquia debe ter en conta isto cando cheguen as eleccións. NON MERECE A CONFIANZA DOS VECIÑOS DE ATIOS.

A xunta de montes DECLARA PERSOAS NON GRATAS AO ALCALDE DO PORRIÑO E AOS MEMBROS DO GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR. Presentar recurso ante o TSXG sabendo que está perdido non é máis que atacar os intereses dos veciños de Atios por pura inquina. Se o goberno local quere defender o patrimonio municipal só ten que xestionar ben o cobro dos arrendamentos, porque se está permitindo o lucro de terceiros sen contraprestación para as arcas públicas.

“A xunta de montes DECLARA PERSOAS NON GRATAS AO ALCALDE DO PORRIÑO E AOS MEMBROS DO GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR”

Aí é onde se ten que defender o patrimonio municipal. E a comunidade de montes actuará con todas as medidas legais ao seu alcance, incluida A VÍA PENAL, para que TODOS OS RESPONSABLES MUNICIPAIS RESPONDAN DO DESFALCO DAS CANTEIRAS.

O recurso de casación é un auténtico disparate
Desde o punto de vista xurídico o recurso que asina o letrado do concello, Víctor Guardado, é un verdadeiro despropósito. Da paus de cego coma un pito sen cabeza. Actúa á desesperada. Fallou estrepitosamente en primeira instancia, cando tivo a ocorrencia de usar as devesas reais para desmontar a identificación histórica do monte Carrascal e Laxedo.

E agora pretende facer o mesmo deslexitimando o deslinde acadado entre as comunidades de montes de Atios e Budiño. Un linde do monte comunal de ambas parroquias que foi validado polo xulgado, que foi aceptado pola consellería do Medio Rural no proceso do deslide de Atios e que foi avalado polas sentenzas do xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 3 do Porriño e tamén pola Audiencia Provincial de Pontevedra en sentenza recente. É un disparate pretender que o TSXG acepte ese argumento. Como non ten outro fundamento xurídico, dispara ao chou por, pura e simplemente, negarse a recoñecer o dereito histórico dos veciños de Atios”.

Outros artigos